Thursday 21 de November de 2024

A presentación do XXIX Festival do Río Castro e o 50º aniversario do colexio público, actividades principais deste sábado en San Sadurniño


O foco informativo do domingo estará posto en San Sadurniño no desenvolvemento da carreira popular e, sobra dicilo, na xornada das Eleccións ao Parlamento Europeo. Porén, este sábado temos outras dúas citas ineludibles: a presentación do XXIX Festival do Río Castro e os 50 anos do colexio público de San Sadurniño. A presentación do festival organizado polo Castelo de Narahío terá lugar en dúas veces, unha ao mediodía e outra desde o serán, nos dous únicos bares cos que conta a parroquia. O xantar de aniversario da escola arrancará ao mediodía e prolongarase durante a tarde con preto de 180 asistentes que reservaron prato.

A celebración do medio século de vida do que hoxe é CPI de San Sadurniño está organizada pola ANPA do centro coa colaboración do Concello. A iso das 13:30 abriranse as portas das instalacións para ir acomodando a xente e a iso das 14:00h comezará a servirse un xantar a base de entrantes -ibéricos, croquetas caseiras, lagostinos e empanada-, tenreira asada con gornición e sobremesa, ademais de bebida, pan e café.

Os tíckets puideron reservarse en Brétema ou no propio centro até hai tan só uns días ao prezo de 30 euros o prato adulto e 15 o da rapazada menor de 13 anos. Entre antigo alumnado -a maioría-, profesorado e cativería, o encontro aproxímase a 180 comensais, quen ademais de xantar tamén gozarán a partir das 16:00h da música do picadiscos local DJ Sebas e da actuación de La 3D Band, especialista en repasar clásicos do rock e do pop de todos os tempos.

Programa do XXIX Festival do Río Castro
E un pouco antes de que se abran as portas no CPI, en Naraío tamén comezará a primeira parte da presentación do XXIX Festival do Río Castro. E é que a asociación organizadora, O Castelo de Narahío, estreou o ano pasado un exitoso formato consistente en desvelar o deseño do cartel e o programa con actividades nos dous bares que hai na parroquia: o Bar Eladio e o Bar O Campo.

Así, sobre as 13:00h teremos en Eladio (no lugar do Eirexado, preto da igrexa parroquial) a actuación da Charanga Vai Rañala Meu!, integrada por músicas e músicos de toda a volta con base operativa no local social de Sedes. A formación, creada recentemente, é ademais a parte instrumental do grupo de cantos de taberna que tamén ensaia no mesmo centro sociocultural.

A segunda actuación do día, xa ás 20:00h no Bar O Campo, tocaralle a vez ás Caldupeiras, que son un grupo de pandereteiras e pandereteiros moi novos reunidos arredor da asociación cultural do mesmo nome, nacida o ano pasado. Traen temas tradicionais para cantar e bailar, mostrando desta maneira un dos seus obxectivos fundacionais: a recollida, preservación e difusión do noso patrimonio inmaterial.

Segundo informan desde O Castelo, tanto en Eladio como no Campo sortearanse dúas láminas do artista gráfico Juanlu Nacha. A entidade organizadora engade que a presentación será unha boa oportunidade para parolar, xogar ao chinchimoni, botar uns bailes ou tocar nas foliadas que, de seguro, se armarán despois das actuacións principais (pódese levar ferramenta).

O Río Castro, o sábado 6 de xullo
O programa e o cartel é un misterio até mañá ao mediodía. De momento O Castelo de Narahío só confirmou nas súas redes sociais que a imaxe deste ano volve ser obra de Juanlu Fernández e que, de novo, o festival do ofrecerá sesión vermú, actividades de tarde para a cativería, xogos populares e concertos nocturnos, nun ambiente de romaría campestre á beira do Castro. Importante: o Río Castro celébrase, coma sempre, o primeiro sábado de xullo, que este ano cae alto, o día 6.

A asociación veciñal contará co apoio do Concello de San Sadurniño e tamén ten solicitadas as axudas da Deputación da Coruña para festivais musicais.

Envíase foto da charanga Vai Rañala Meu! (Foto: David Landrove)

Última camiñada parroquial

Enviamos tamén unhas imaxes da última andaina veciñal da temporada, que percorreu esta tarde as pistas de Lamas tendo como guía ao grupo de ximnasia de mantemento da parroquia. 30 persoas participaron nun itinerario con saída e chegada no local social do Chao. O venres que vén, día 14, o grupo irá de excursión ao concello lugués de Samos, lugar de paso do Camiño Xacobeo.