Friday 22 de November de 2024

O Concello recoñece o traballo do alumnado participante no programa de Antenas de Información Xuvenil, que implicou este ano a 19 centros educativos da cidade


Yoya Neira, concelleira da Área de Benestar Social, puxo en valor esta iniciativa municipal, “que difunde de forma áxil e inmediata toda a información sobre as actividades de interese para a mocidade da cidade”

A concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira, participou esta tarde no evento final da edición 2023-24 do programa de Antenas de Información Xuvenil, un proxecto que conecta os centros escolares cos espazos de información xuvenil da rede municipal para difundir de forma áxil e inmediata toda a información sobre as actividades de interese para a mocidade da cidade.

No acto, que tivo lugar nas naves municipais do Metrosidero, Neira entregoulle ás mozas e mozos os diplomas acreditativos da súa participación. A rapazada desenvolveu o seu labor como antenas nos seus centros escolares durante este curso, e valorou a vixencia e utilidade dun programa que cumprirá, o ano que vén, a súa 35ª edición, amosando o compromiso do Goberno de Inés Rey co tecido educativo da cidade, dando continuidade a iniciativas de colaboración con boa acollida entre a mocidade participante.
“O programa cambiou moito desde que se utilizaban os taboleiros dos centros escolares para informar dos eventos culturais e deportivos ata o momento actual, no que se usan as redes sociais, mais o seu valor segue sendo o mesmo, que os propios mozos e mozas que serven de Antenas sexan a canle de comunicación e difusión de todas as actividades que ofrece a cidade para os máis novos”, sinalou Neira.

Neste curso 2023-24 seleccionáronse 26 antenas de información xuvenil (19 alumnas e 7 alumnos) pertencentes a 17 centros educativos da cidade nos que se levou a cabo este programa, xunto a outros dous centros seleccionados polos seus proxectos de natureza singular.

A cambio do seu labor, as antenas de información xuvenil reciben unha contraprestación de 100 euros, formación e entradas a eventos organizados ou programados polo Concello, así como un certificado oficial que acredite a súa participación no programa.

Este ano, no programa implicáronse alumnas e alumnos dos IES da Sardiñeira, Agra do Orzán, Puga Ramón, Urbano Lugrís, Fernando Wirtz, Eusebio da Guarda, Monelos, Durmideiras, Menéndez Pidal, Rafael Dieste, Otero Pedrayo e Monte das Moas, así como do CIFP Ánxel Casal e os CPR Grande Obra de Atocha, Calasanz, Maristas, Franciscanos, Escravas e Fogar de Santa Margarida.