Saturday 16 de November de 2024

Os nenos e nenas, protagonistas indiscutibles do Entroido en San Sadurniño


Estamos ás portas dun Entroido que este ano vén máis baixo do habitual. Cando aínda temos no peito as farturas do Nadal volven tocar enchentas de freixós e orellas nunha festa de fonda raigame cultural na que mandan o humor e unha certa dose de transgresión. As máscaras teñen indulxencia plenaria para facer o que lles pete -dentro dunha orde, claro está- co único obxectivo de rir e facer rir. Tanto o Concello como entidades veciñais organizan eventos relacionados con este tempo que, en San Sadurniño, se dirixen en boa medida ao público infantil.

A primeira cita coas máscaras é este sábado 6 de febreiro no ximnasio do CPI, que acollerá un encontro dedicado aos nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no que gozarán de obradoiros, hinchables, música e unha chea de actividades de animación durante dúas horas e media. A festa de entroido infantil comezará ás 17.00h. e prolongarase ata as 19.30h. e non fai falla inscrición previa para participar nela.

O mesmo día pero pola noite -23.00h.- a asociación veciñal “O Pico de Ferreira” en colaboración co Concello traeranos os monólogos humorísticos de Pedro Brandariz condensados no que el denomina “Risas á galega”. O artista de San Pedro de Nós falará da nosa idiosincrasia botando man de pequenas cousas da vida diaria e de situacións contadas con moita retranca. Xa ten actuado varias veces en San Sadurniño nos últimos meses e en cada ocasión fixo un espectáculo distinto co que rir a cachón. A cita co “chou” de Brandariz é no local social da Seara -Ferreira de abaixo- con entrada de balde.

O domingo ás 18.00h. tamén teremos outro espectáculo gratuíto na Casa da Cultura co ilusionista Martín Camiña. É un dos magos máis reputados de Galicia e ten actuado en todo o Estado e parte do estranxeiro, chegando incluso a lugares tan lonxanos coma o Xapón ou os Estados Unidos. Os espectáculos de Camiña xuntan números de toda a vida con outros de creación propia que el pon en escena con moito humor e coa participación do público. Trátase dunha actuación apta para toda a familia.

Obradoiros para a rapazada
Na véspera do Martes de Entroido -festivo en San Sadurniño- a rapazada de entre 3 e 12 anos poderá aprender a facer traxes ben vistosos con materiais de reciclaxe. Será na Casa da Cultura entre as 10.00h. e as 12.00h. por medio dun obradoiro que ofrece 15 prazas que se irán cubrindo por orde de inscrición na Casa da Cultura ata este venres.

Como continuación da actividade de confección de traxes do Entroido, o Concello tamén lle propón á rapazada rematar a mañá deixando fluír toda a súa creatividade a través da pintura, experimentando con ceras, témperas e mesmo esprais para facer grafitos. Para facer as súas obras contarán con grandes paneis empapelados e todo o material necesario. Ofrécense tamén 15 prazas para as mesmas idades e igual que na outra actividade será necesario apuntarse na Casa da Cultura o venres como moi tarde. O obradoiro comezará ás 12.00h. e rematará ás 14.00h.

Sábado 13 de febreiro, Local social de Naraío: Entroido 2016
A Asociación veciñal “O Castelo de Narahío” volve organizar o seu tradicional Entroido con dúas partes ben diferenzadas: unha de tarde pensada para os nenos e nenas -e tamén para papás e mamás- e outra pola noite para persoas adultas.

Desta vez a asociación introduciu cambios na programación. Así, a sesión infantil-familiar -18.00h.- estará animada por La Guagua co seu espectáculo participativo “Cantabaila”, mentres que pola noite -23.00h.-tomará o relevo o coñecido animador, cantante e picadiscos Dani Ríos. A el tocaralle mover as máscaras nun espectáculo que sae do convencional baile de Entroido. Ademais tamén haberá desfile de disfraces con premios para os mellores e o sorteo dunha cesta con produtos típicos desta época.

Axendas en Google Calendar
Todos os eventos que programa o Concello -e tamén aqueles que nos pasan as entidades- publícanse desde hai algún tempo nunha axenda virtual en Google Calendar, un aplicativo na “nube” que permite acceder á información desde calquera punto e desde calquera dispositivo con conexión á rede. Porén, a principal vantaxe deste almanaque é que podemos suscribirnos a el para que incorpore as citas á ferramenta de calendario do noso móbil, tableta ou ordenador. Así sempre podemos levar con nós os eventos previstos e mesmo programar unha alerta con varios días de adianto para non perder ningún.