A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente provincial, Valentín González, asinaron o acordo e asistiron a un ensaio da Orquestra
A alcaldesa, Inés Rey, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Deputación da Coruña, representada polo seu presidente, Valentín González Formoso, acordo que permitirá que formación coruñesa actúe en diferentes municipios da provincia. O acordo supón un investimento de 1,5 millóns de euros por parte do organismo provincial que permitirán difundir a música da Sinfónica en concellos como Ferrol, Santiago, Carballo, Melide, Rianxo, Arteixo, Culleredo ou Vimianzo. Ademais. Este acordo tamén permitirá seguir apoiando os concertos didácticos da OSG, que o pasado ano chegaron a case 30.000 alumnos e alumnas, de Primaria a Bacharelato, de 72 centros educativos da provincia.
“A nosa querida Orquestra Sinfónica de Galicia é todo un referente a nivel mundial e, ademais dos seus grandes concertos máis alá de Galicia, é moi necesario que a nosa provincia e as súas pequenas localidades poidan gozar dos seus concertos”, indicou Inés Rey, que celebrou o “apoio da Deputación para expandir a súa programación anual”.
A alcaldesa e o presidente provincial visitaron tamén hoxe á formación durante un dos seus ensaios no Palacio da Ópera. O Concello da Coruña foi o impulsor e creador da OSG, unha formación musical hoxe recoñecida a nivel internacional e entre as mellores de España, e á que o Concello, que preside o Consorcio para a Promoción da Música, aporta 3.550.000 euros anuais para o financiamento da formación.
O convenio asinado este ano pemite ademáis que a tempada da OSG conte con catro orquestras convidadas: a Real Filarmonía de Galicia, a Orquesta Sinfónica de Castilla y León, a Orquesta Sinfónica do Principado de Asturias e Orquesta Nacional de España.