O número de vivendas de protección que se van crear proximamente en Perillo, Xaz e Mera ascenderá a 150. Ás 54 que se edificarán no solo municipal previsto, vendido no día de onte á empresa que promoverá as cooperativas, sumaranse outros 100 pisos en Xaz e Mera.
As veciñas e veciños de Oleiros que desexen adquirir un destes piso aínda poden preinscribirse na web municipal (https://www.oleiros.org/coop). No mes de xullo serán chamados a unha asemblea informativa na que se detallarán os requisitos, prazos, importes…
A fórmula para a adquisición destas vivendas será mediante a participación nunha cooperativa. A empresa que adquiriu o solo e coordinará o proceso xa ten neste momento un acordo cunha entidade bancaria para facilitar o crédito ás persoas interesadas en formar parte das cooperativas.
No día de onte o Concello fixo efectiva a venda de 3 parcelas –para 54 destes pisos- por importe total de 1,4 millóns de euros. Nos próximos días formalizarase tamén a venda doutra parcela municipal en Mera; e en Xaz, a empresa que formará as cooperativas, adquirirá o solo a unha entidade privada.
“É unha gran noticia para todas aquelas persoas que aspiran a ter unha vivenda, neste momento tan complicado, no que tanto se fala de vivenda e ante o que nin Xunta nin Estado fan nada efectivo por resolver un grave problema a nivel estatal”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
O solo no que se construirán estas vivendas –agás unha parcela en Xaz- foi acadado gratuitamente pola xestión urbanística que realiza o Goberno municipal, que garante un crecemento ordenado e sostible do territorio. Desta maneira, ademais de promover a construción de vivendas a prezos inferiores aos de mercado para familias de Oleiros, o Concello obtén recursos económicos para mellorar os servizos públicos e executar novas obras.