Coa vista posta na predición meteorolóxica, o Concello de Neda prepárase para vivir a primeira edición do seu festival “Neda en danza”. A iniciativa cultural traerá este sábado, a partir das 20 horas, ao Paseo marítimo de Xuvia, á altura do albergue de peregrinos, tres espectáculos de danza contemporánea de compañías galegas e, como colofón, a exhibición do B-boy nedense David Amor.
O cartel desta primeira cita inclúe a proposta de danza urbana “Intempestiva”, da compañía Elahood. Trátase dunha obra, inspirada na figura e na obra de Xela Arias, que non deixa de sumar recoñecementos e premios. Tras ela, a bailarina ferrolana Cristina Montero porá en escena a peza en formato curto “Outr@”, que promete unha viaxe sensorial no imaxinario da xente. E Daniel Rodríguez chegará con “A raíz de”, que presenta como un “diálogo entre tradición e contemporaneidade para construír un discurso de futuro”.
O punto final poñerao o nedense David Amor, campión de España de breaking na categoría sub-21, que sorprenderá aos seus conveciños/as e aos visitantes que se acheguen á contorna do albergue, cunha exhibición de breakdance.
Tendo en conta as previsións do tempo, o Concello adianta que, en caso de chuvia, as distintas actuacións trasladaranse ao polideportivo do instituto Fernando Esquío, situado xusto ao lado das instalacións turísticas.
Finalmente, cómpre anotar que “Neda en danza” complétase cunha oferta de obradoiros para achegar a danza á cidadanía. Nos últimos días os centros educativos públicos do municipio e talleres de memoria contaron con actividades especiais impartidas por Cristina Montero. E este sábado pola mañá a Casa da Cultura acollerá un taller de danza urbana para a xuventude e xente adulta con Elahood (11 horas) e un obradoiro para o público familiar (a partir de 8 anos) con Daniel Rodríguez, a partir das 12.30 horas.