A Aula do Mar, situada no Faro de Mera, ten abertas as súas portas de martes a domingo de 10 a14 horas e de 16 a 19.30 horas. Tamén está aberta a oficina de información turística que se atopa no paseo de Santa Cristina de mércores a sábado de 10 a 14 horas e de 16 a 19.30 horas.
A Aula do Mar é a porta de entrada ao Monumento Natural da Costa de Dexo e Serantes, e consta dunha serie de salas nas que se explica a vida mariña e as senlleiras características naturais e xeográficas desta interesante zona do Arco Ártabro desde a que se divisan as bocas das rías da Coruña, Betanzos, Ares e Ferrol, a illa da Marola e o treito de costa entre Sisargas e Prior. A aula ocupa o privilexiado edificio da casa do fareiro, construído sobre os cantís entre os dous faros que permiten acceder ao porto da Coruña marcando camiños de luz para os grandes barcos. A súa azotea é un dos miradoiros máis apreciados de todo o Arco Ártabro, xa que se sitúa na súa parte central.