Un ano máis a Escola de Tempo libre Néboa, con sede na Muchiqueira, organiza durante o mes de xullo as xa tradicionais Acampadas intermunicipais na Natureza en Vilarbó (As Pontes). A colaboración do Concello de Neda coa entidade permitirá ás familias do municipio acceder a descontos no prezo dos campamentos. O prazo de inscrición está aberto.
A iniciativa aproveita ao máximo as posibilidades que oferta a contorna natural de Vilarbó, situado ao remate do encoro da Ribeira, dentro das Fragas do Eume, para configurar unha oferta de lecer atractiva e variada. Durante a estancia, os menores participarán en actividades deportivas, medioambientais, e culturais adaptadas ás súas idades. Xogos acuáticos e propostas como remo, canoa ou paddle board ou o sendeirismo son protagonistas.
Segundo informan dende Néboa, do 5 ao 16 de xullo será a quenda do campamento “Multiaventura”, a proposta para rapaces e rapazas de 12 a 17 anos. E do 23 ao 30, chegará “Robinson”, deseñado para nenos e nenas de 7 a 11 anos. Os nedenses terán dereito a un desconto de 31 euros no prezo final da estancia, durante a que os participantes durmirán en tendas de campaña.
O prazo para anotarse estará aberto ata o 23 de xuño (ou esgotar prazas). No caso de Neda, a recollida e entrega de inscricións poderá facerse na sede de Néboa ou ben no propio Concello.