Friday 22 de November de 2024

435 deportistas tomarán a saída este domingo na IX Carreira popular Concello de San Sadurniño


O Concello informa da prohibición de estacionar na vía principal de Cornide e nunha das marxes da AC-862

A zona da Cortiña e varias pistas dos arredores do centro urbano veranse afectadas na mañá deste domingo por restricións ao tráfico e ao estacionamento en distintos puntos por causa da celebración da Carreira popular de San Sadurniño. Iso si, só será entre as 11:15 e as 12:30h, aproximadamente, por ser nese intervalo cando vai desenvolverse a proba absoluta de 4,9 quilómetros. Na novena popular organizada polo Concello inscribíronse 435 deportistas, que son exactamente 65 máis que na edición do ano pasado. A carreira de maior distancia arrancará e ás 11:30h pasando pola Bidueda, Cornide, a estrada de Ortigueira, os xardíns municipais e volta polo paseo fluvial até o arco de meta situado no arboreto da Cortiña.

Así, estará prohibido aparcar xa desde primeira hora da mañá na marxe dereita da pista que cruza Cornide e tamén na beira dereita da AC-862 en sentido Ortigueira, posto que o paso dos corredores e corredoras se fará polo arcén da estrada xeral desde Cornide até a Casa do Concello.

Ademais tamén se cortará o paso na estrada da Penamoura á altura do desvío para Cornide, no cruzamento da da Bidueda coa DP-7601 á altura das naves de Forestal Cando. Tamén permanecerá restrinxido o paso na pista que vai paralela ao arboreto da Cortiña, lugar de chegada e saída de todas as probas que contará nas inmediacións da área de servizos para autocaravanas con suficiente espazo habilitado para que público e deportistas deixen os seus coches.

Desde o Concello insístese en que non se estacione no eixo que baixa desde a parte alta de Cornide até a estrada de Ortigueira (á altura do cruzamento que vai á depuradora e A Portela), nin tampouco no tramo comprendido entre ese punto e a casa consistorial, de cara a previr que as persoas participantes na carreira se metan na calzada, que non terá o tráfico cortado.

A este respecto prégaselles ás e aos deportistas e espectadoras e espectadores que aparquen no campo situado entre o Centro de Día e a área de Autocaravanas, ou que empreguen o aparcadoiro do Centro Municipal de Empresas e as beiravías do centro urbano.

Segundo o regulamento, os dorsais para a Carreira Absoluta poderán recollerse na Cortiña entre as 9:10 e as 11:15h, mentres que para as categorías inferiores deberán retiralos 40 minutos antes de cada carreira. O programa horario é o seguinte:

11:00h Sub 14 e Sub 16 masculino e feminino – 900 m de percorrido
11:30h Carreira absoluta – 4,9 km – desde Sub 18 ata Máster 4, masculino e feminino
12:20h Sub 12 masculino e feminino – 600 m de percorrido
12:35h Sub 10 masculino e feminino – 300 m de percorrido
12:45h Peques – 60 m de percorrido (varias saídas para evitar atropelos. Sen cronometraxe)
Ao remate de cada proba haberá avituallamento líquido e sólido na carpa instalada no recinto e tamén servizo de fisioterapia para tonificar a musculatura ofrecido pola clínica local Fisio-Che Ben. Durante a mañá permanecerán abertas as duchas do pavillón polideportivo municipal. A entrega de trofeos para as persoas ganadoras en cada distancia comezará sobre as 13:30h.

Na novena popular de San Sadurniño inscribíronse un total de 435 corredoras e corredores, 224 para as distintas categorías da proba absoluta e 211 para as inferiores. O evento forma parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e tamén do X Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña. Na organización tamén colabora o club MTB Biela e Chaveta.