Thursday 21 de November de 2024

O Programa Integrado de Emprego formará a 30 laracheses na condución de carretilla elevadora


A acción formativa consta de 30 horas entre a teoría e a práctica.

Nesta semana quince persoas están a realizar un curso de condución de carretilla elevadora grazas ao Programa Integrado de Emprego que desenvolven o Concello da Laracha e a Xunta de Galicia.
A acción formativa consta dun total de trinta horas de duración. A parte teórica levouse a cabo nas instalacións do Edificio Administrativo da Laracha e a práctica, no polígono industrial xunto ao viveiro de empresas municipal, a onde se desprazaron o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Emprego, Rocío López, para interesarse polo desenvolvemento da actividade.

O itinerario das persoas que completen o curso inclúe a realización de prácticas non laborais en empresas da comarca que lles permitirán demostrar as súas competencias, adquirir novas habilidades e integrarse nos equipos de traballo das empresas colaboradoras.

O obxectivo é mellorar o seu perfil profesional e facilitarlles a inserción laboral nun sector como a loxística que presenta unha alta demanda de traballadores cualificados. De feito, ante o número de solicitudes de laracheses interesados en recibir esta formación, realizarase unha segunda edición deste curso nos próximos días con outros quince alumnos.

Trátase da cuarta acción formativa que se leva a cabo no marco do Programa Integrado de Emprego. Anteriormente realizáranse outras tres relacionadas coa cociña e restauración básica, a xestión loxística e o servizo de comida en centros sanitarios e sociosanitarios. A próxima semana comezará o curso de limpezas xerais. En xuño ofrecerase formación en xestión de vendas e, en setembro, en aplicacións informáticas.