Denuncia que a alcaldesa contaba con un informe previo que xa advertía da imposibilidade de incluír os usos preexistentes: “por que a alcaldesa non informou cando tivo coñecemento de ese informe?”
Reclámalle celeridade a Sanmartín na declaración de Santiago como zona residencial tensionado porque “a política de vivenda non só se pode basear en anuncios e intencións”
Trátase dun “texto inacabado e reiterativo”, con estas palabras saíu este xoves ao paso o secretario xeral do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, logo de que o executivo de Sanmartín presentase o borrador de ordenanza relativo á regulación das vivendas de uso turístico. Bouza insiste en que a alcaldesa “incumpriu o seu compromiso” ao non dar acubillo no borrador de ordenanza aos usos preexistentes.
Neste sentido, lembra unhas declaracións da propia Sanmartín que datan do 16 de maio de 2023, nas que a actual alcaldesa indicaba como “complemento imprescindíbel” que a ordenanza “desenvolva os usos preexistentes”. Critica con isto Bouza que, desde entón ata hoxe “vimos como o goberno seguía insistindo permanentemente en que se tiña que dar saída ás vivendas de uso turístico que estaban consolidadas e constituídas previamente”.
De feito, advirte de que o propio informe xurídico no que o goberno local se xustifica para “incumprir co compromiso coa cidadanía” e excluír da ordenanza os usos preexistentes, confirma que en este mesmo ano xa se emitiu outro informe previo no que se constataba esa imposibilidade: “entón preguntámonos, de que data é ese informe e por que a alcaldesa non informou cando tivo coñecemento?”.
Bouza acusa ao bipartito de actuar con “moi pouca transparencia” e de “intentar darlle ao balón para diante” en lugar de “dar a cara para responder a unha necesidade e un compromiso que se tivo con toda a cidadanía”.
“A política de vivenda non só se pode basear en anuncios e intencións”
Aitor Bouza aproveitou esta cuestión para arremeter contra o executivo de Sanmartín pola dilación en outra das políticas de vivenda que abandeiraron desde as filas socialistas: a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionado para poder poñer tope ao prezo dos alugueiros. Neste sentido, Bouza criticou que “do mesmo xeito que non entendemos por que se tardou un ano en presentar este texto, non entendemos que a día de hoxe non se realizaran os trámites perceptivos e obrigatorios para poder declarar Santiago zona tensionada”.
Así, os socialistas dubidan do compromiso de Sanmartín en materia de vivenda, e reclámanlle celeridade tamén en esta cuestión “urxente e vital” insiste Bouza, “para a mocidade e as persoas con poucos recursos da nosa cidade”. Lembra ademais que xa pasaron seis meses desde que se aprobou esta cuestión en pleno a iniciativa dos socialistas “sen que haxa novidades desde entón”.
Precisamente, sobre as intencións do bipartito co actual borrador de ordenanza das VUT critica que se faga só “para xustificarse” e que o goberno municipal “poida dicir que fixo unha ordenanza, pero as cousas non son así”.
“Non podemos asegurar nin confirmar o noso apoio favorable a esta ordenanza”
Aitor Bouza insistiu en que o borrador de ordenanza presentado polo executivo de Sanmartín non inclúe “nada novo” respecto a modificación do PXOM que os socialistas impulsaron durante o pasado mandato. Nese sentido, recalca que, tal e como recolle o propio informe xurídico, a ordenanza só regula un “trámite” que, precisamente, podería abordarse a través dunha modificación da ordenanza que tramitación de licenzas, toda vez que se trata só de establecer as condicións nas que se debe realizar a comunicación previa para operar, durante dous meses ao ano, como vivenda turística as que se destinan con carácter ordinario ao alugueiro convencional. Algo que xa incluíran os socialistas na súa modificación do Plan.
A pesar disto, Bouza non comulga coas “formas nas que se está a levar a cabo esta cuestión”, polo que recoñece non poder “asegurar nin confirmar o noso apoio favorable a esta ordenanza”.
Insiste en que esta postura non se debe nin ao “fondo” nin ao “contido” da norma, senón “polas formas e polas ausencias”: “quen dea por descontado o apoio dos socialistas se equivoca”. Así, anuncia que escoitarán aos colectivos implicados e ao tecido social para decidir o seu sentido do voto, aínda que adianta que será “con responsabilidade e en clave de cidade”: “o que non pode pensar o goberno é un chegue en branco permanente”.