A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) colaborarán na adaptación dos puntos limpos e as instalacións de recollida municipais ás previsións do Real Decreto de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, para o que xa están redactando un convenio de colaboración. Este acordo terá por finalidade adecuar os puntos limpos para a recollida e clasificación deste tipo de residuos, cada vez máis habituais, e dotalos do equipamento necesario para cumprir con esta función.
Así o anunciaron hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o presidente da Fegamp, Alfredo García, tras manter unha xuntanza de traballo na que abordaron outros temas de interese e vías de colaboración entre as administracións autonómica e local.
Tamén en materia de xestión de residuos, Mato e García falaron sobre Sogama, empresa pública á que están adheridos un total de 295 concellos. Ao respecto, lembraron que o canon unitario manterase en 2016 na mesma contía que no exercicio pasado (67,18 euros + IVE por tonelada de residuos xestionada), sendo o máis barato das plantas galegas e un dos máis baixos de España.
Outros dos temas acordados na reunión foi a organización de xornadas de difusión, dirixidas aos concellos, para darlles a coñecer proxectos e liñas de subvención en materia de medio ambiente e mellorar así a xestión e iniciativas municipais neste eido.
Nova Lei do solo
A conselleira e o presidente da Fegamp trataron tamén outra liña fundamental de colaboración entre a administración autonómica e a local: o urbanismo. Máis en concreto, Mato detallou contidos da nova Lei do solo, que será sometida a votación a próxima semana no Parlamento galego. Esta normativa contribuirá á consolidación dun urbanismo responsable e sostible en Galicia, un obxectivo no que os concellos xogan un papel crucial.
De feito, o texto fai fincapé na importancia do planeamento urbanístico municipal. A Lei deseña o marco necesario para que todos os concellos de Galicia poidan dispoñer dun planeamento, e que o teñan no prazo de tempo máis breve posible.
Para seguir avanzando neste camiño, a nova Lei aportará diversos instrumentos como a simplificación o proceso, creando o informe único autonómico; a axilización da tramitación, entendendo como positivo o silencio administrativo cando alcanza os tres meses; ou a creación de novas figuras como o Plan básico autonómico ou os Plans básicos municipais, que servirán de apoio voluntario aos concellos con menos de 5.000 habitantes que atopan maiores dificultades técnicas para elaborar estas planificacións.
Por último, trataron outro tema esencial como é a xestión da auga. Neste sentido, tanto Mato como García coincidiron na importancia de seguir afondando no Pacto local da auga para tentar, na medida do posible, homoxeneizar os tipos de xestión de auga, garantir unha maior calidade para os cidadáns, e dar cumprimento das determinacións da Directiva Marco europea da Auga.