Friday 22 de November de 2024

O Concello de Neda licita a explotación do bar da Área Recreativa da Cobeluda durante o verán


O Concello de Neda vén de anunciar a licitación do servizo de explotación do bar da Área Recreativa da Cobeluda durante o verán 2024. A administración local pretende que a instalación, ben concorrida durante a tempada estival, estea operativa entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, contribuíndo a dar valor a esta área natural, situada xunto ao río Castro.
As persoas físicas ou xurídicas con capacidade de contratar que queiran optar a xestionar o local poderán presentar as súas ofertas, a través da sede electrónica municipal, dende este venres e ata o xoves 13 de xuño. Deberán ter en conta que o único criterio que decidirá a adxudicación será o do prezo (mellora á alza) sendo o importe mínimo 100,00 euros/anuais netos (sen IVE).
Segundo recolle o prego de condicións, o/a adxudicatario deberá desenvolver directamente a explotación do bar, que abrirá todos os días de xullo, agosto e setembro, cun horario mínimo que abarcará de luns a venres de 12 a 20 h, e nas fins de semana de 12 a 21 horas (agás en setembro).
O servizo do bar prestarase nas instalacións do chiringuito existente, contemplándose a maiores a posibilidade de contar cunha “food truck” que ofreza servizos de comida e bebida. Quen asuma a explotación do negocio deberá ocuparse, entre outras cuestións, da limpeza diaria e mantemento dos aseos, así como da limpeza e recollida do lixo da area recreativa e da reposición das bolsas das papeleiras existentes.
As persoas/empresas interesadas teñen á súa disposición os pregos no perfil do contratante do Concello de Neda, e na propia páxina web municipal.