Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño abre até o día 19 o prazo para comunicar as fogueiras do San Xoán


En pouco máis de dúas semanas estaremos celebrarando o solsticio de verán coas lumeiradas do San Xoán e uns días despois -nalgúns sitios-, tamén coas do San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, non está de máis lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das fogueiras e saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando o lugar da celebración e adquirindo certos compromisos de seguridade. O documento pode presentarse xa mesmo no rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica. O concello dá de prazo até o día 19, posto que ao día seguinte deberá enviarlle á Xunta todas as comunicacións.

Cabe agardar que na noite do 23, que cae en domingo, e tamén na do sábado e o venres inmediatamente anteriores haxa por todo o territorio ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Porén, para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)
Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23 como nos días anteriores e posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.

O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que as brasas estean totalmente apagadas e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter o lume sempre baixo control.

O último día para facer as comunicacións é o 19 de xuño, posto que o Concello deberá xuntalas todas e enviarllas ao Distrito Forestal ao día seguinte. O documento pode achegarse presencialmente polo rexistro municipal ou a través da Sede Electrónica municipal. Este último medio é obrigatorio para as comunicacións das entidades e colectivos veciñais do territorio.