O primeiro destes paseos vai desenvolverse este sábado 15 de xuño na parroquia de Barallobre
A área municipal de Deportes e varias entidades socioculturais organizan de novo o programa “Andaindas por Fene” unha serie de andainas coas que descubrir a riqueza histórica e paisaxística do territorio fenés.
Trátase de saídas de distintas distancias que se completan en aproximadamente dúas horas ou dúas horas e medio de percorrido, pensadas para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que vai comentando o que se vai vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
O primeiro destes paseos vai desenvolverse este sábado 15 de xuño ás 17.00 h. Sairase do local da ACDR Liga de Amigos de Barallobre -colaboradora nesta andaina- e logo continuarase polo Souto Grande, Camiño Revolto, Romariz, a Loira, o Castro, os Loureiros, o Penedo, as Chousas, Cocallo, Tras do río, Rúa Santiago e regreso ao punto de saída tras percorrer uns 5 quilómetros de dificultade media que se completarán en aproximadamente 2 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (até o venres 14 de xuño ás 13.00 horas) chamando ao departamento de Deportes do Concello no 981 34 03 66/607 615 962-