Thursday 21 de November de 2024

Ir de tendas en Santiago volverá ser unha festa nunha nova edición de “Prima 24”


Música, pasarrúas, animación infantil e moitos agasallos conforman a programación de “Prima 24”, a festa do comercio local que se desenvolverá os días 14 e 15 de xuño. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou hoxe a programación, reiterando o compromiso do Concello co comercio de proximidade e facendo un chamamento á veciñanza a consumir nos establecementos de barrio, “que son os que fan cidade e os que mesmo contribúen a construir identidade”. Na rolda de prensa tamén participou a técnica responsable da área de Comercio, Lucía Castro.

María Rozas salientou “a boa acollida, xa non só deste programa, senón de todas as actividades de dinamización que organizamos desde o departamento de Comercio ao longo do ano, como é o caso da época de Nadal”. A concelleira apuntou que as propostas culturais e de ocio “serven para animar as compras e atraer novos perfís de clientela para o comercio tradicional, poñendo tamén en valor a compra presencial fronte ao comercio on line”.

A festa do comercio local celebrará a súa cuarta edición os días 14 e 15 de xuño, cun amplo programa de dinamización que chegará a diferentes espazos da cidade. Así, na tarde do venres 14 haberá diferentes pasarrúas: na zona vella correrá a cargo da banda Tanto nos ten; Pulpiño Viascón levará o seu show itinerante “A Trikidisco” por Conxo e Pontepedriña; e na zona de Concheiros e San Pedro atoparémonos coa montaxe “O estrano caso do dentista da rúa Blasov”, de Troula Animación. Mentres, na Praza Roxa desenvolverase a chamada “Prima pequena”, unha festa infantil con maxia e música, coas actuacións de Mamá Cabra, Joshua Kenneth e Pakolas.

Xa no sábado 15, o “Prima 24” chega cargado de propostas para todos os gustos. A praza de Cervantes acollerá unha exhibición dos mestres artesáns de Ourives de Compostela, que se vai desenvolver en horario de mañá e tarde, de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Entretanto, na Praza Roxa actuará o Trío Detrés co seu espectáculo “+Ritmo” a partir das 12.00 horas. Na axenda do sábado inclúense tamén cadanseu pasarrúas pola zona vella e polo Ensanche. O primeiro será pola mañá, coas acrobacias e malabares da compañía Tótem; e o segundo pola tarde, co repertorio de jazz dos Dixie Kings. Por último, a praza de Feixóo será escenario de dous concertos: a partir das 13.00 horas a cargo da Ukestra do Medio, e ás 20.00 horas de Anxo Araújo. No caso de chuvia, estes concertos serán na praza de Mazarelos.

Ruleta de agasallos

A festa do comercio complétase coa xa tradicional ruleta de agasallos “Eu merco aquí”, que estará instalada o venres pola tarde na praza Roxa e o sábado pola mañá na praza do Toural. Nela poderán conseguir diferentes premios todas as persoas maiores de 16 anos que presenten un tícket por unha compra realizada no comercio de Santiago entre o 10 e o 15 de xuño, por un importe igual ou superior a 5 euros. Cada tícket dá dereito a unha tirada, e cada persoa non poderá recibir máis de tres premios, que serán agasallos mercados no comercio local.

Participación activa do comercio

A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, convidou os e as comerciantes “a sumárense á festa, sacando os seus produtos ás beirarrúas, adornando as súas tendas para a ocasión, e difundindo a cartelería para informar á súa clientela da programación”. María Rozas lembrou tamén que o Concello, como en anos interiores, distribuirá bolsas coa imaxe da campaña #EuMercoAquí, que se entregarán de balde ao comercio local a través das asociacións de comerciantes da cidade. Para contar con este agasallo, os e as comerciantes interesadas deben dirixirse ás entidades Comercio Punto Compostela, Santiago Centro, Compostela Monumental, Asociación En Rede, Ourives de Compostela, Asociación Somos Hórreo, Asociación de Comerciantes do Barrio de San Pedro e Asociación de Comerciantes de Área Central. Ademais, de maneira presencial repartiránse carteis e folletos coas actividades do “Prima 24”, que tamén se pode consultar na web www.comerciolocalsantiago.gal.