Friday 22 de November de 2024

Mercedes Rosón a regulación das VUTs: “non é unha ordenanza é a definición dun trámite administrativo”


Recalca que o propio informe técnico “deixa claro que o texto non contempla ningunha condición distinta ao recollido no PXOM e suxire que este mero trámite se aborde con unha modificación na ordenanza de tramitación de licenzas”

Rosón reivindica ademais o traballo do goberno socialista na regulación das vivendas de uso turístico “respaldado polos datos”: “había que ter a valentía de facelo cando ninguén se atrevía”

“Máis que unha ordenanza é a definición dun trámite administrativo”, con esta afirmación a edil socialista, Mercedes Rosón cuestionou este mércores que o bipartito queira regular, vía ordenanza, a posibilidade de que a propiedade dunha vivenda poida operar como VUT durante dous meses ao ano. Precisamente, porque esa opción xa está recollida na modificación do Plan Xeral que os socialistas impulsaron no pasado mandato -coa abstención do BNG- e en nada cambia respecto a actual situación.

De feito, a edil socialista expuxo que o propio informe técnico que acompaña a proposta de ordenanza indica que “o proxecto sometido a informe, e a pesar do seu título, non contén maiores limitacións nin condicións relativas aos usos que non estean previstas no propio PXOM”, deixando claro, insiste Rosón “que o texto non cambia nada respecto ao Plan Xeral que nós modificamos”.

Ademais, ese mesmo informe, indica que non se innova nada respecto o xa previsto na modificación do PXOM, sinalando que esta situación “esixe reflexionar sobre a necesidade mesma desta norma, que ben podería limitarse a unha modificación da ordenanza xa existente en materia de tramitación de licenzas”. Ante isto, a que fora responsable de Urbanismo no goberno de Bugallo acusa ao goberno local de “disfrazar” de ordenanza reguladora “o que é un trámite administrativo”: “supoño que para a alcaldesa poder dicir aquilo de que fixeron a ordenanza, pero non é máis que un trámite administrativo”.

“Bloquear un novo trámite administrativo non ten sentido”

Preguntada polos xornalistas sobre a situación que se abre a partir de agora, desde o Grupo Municipal Socialista sosteñen que o uso de hospedaxe asimilado ao de vivenda durante 60 días ao ano “xa está aprobado” como parte da modificación do PXOM que eles impulsaron: “é dicir, isto é unha medida socialista”. Nese sentido, Rosón aclara que “bloquear un novo trámite administrativo non ten sentido” toda vez que o texto que o executivo de Sanmartín pretende someter a consideración do pleno “só recolle como facer a comunicación previa para implantar o uso turístico en eses dous meses anuais”.

Porén, desde as filas socialistas insisten en respaldar a idea que recollen os propios informes técnicos. Isto é, que se modifique a ordenanza de tramitación de licenzas “en lugar de aprobar un documento que tan sequera ten maiores disposicións das que se establecen no noso PXOM”.

“O tempo e os datos déronnos a razón”

Mercedes Rosón aproveitou a comparecencia de prensa para facer unha “cronoloxía” na que se amosou especialmente crítica coa actitude da actual alcaldesa durante a tramitación da modificación do Plan Xeral que serviu para regular as vivendas de uso turístico: “esta historia comeza coa abstención da señora Sanmartín cando se someteu esta a consideración do Pleno”. A partir de aí, denuncia a edil socialista, “a propia alcaldesa alentou un ambiente de crispación que se deu entre algúns dos colectivos implicados”.

Neste sentido lembra Rosón a campaña que houbo “en contra do goberno socialista e, incluso a nivel persoal” aínda que reivindica que o que se fixo “foi o que tiñamos que facer”. Destaca que, para sacar adiante esta modificación do Plan “puxemos por diante o interese xeral da cidade” reivindicando a condición de Santiago como pioneira en este tipo de regulación “había que ter valentía de facelo cando ninguén se atrevía”.

“Para o futuro de Santiago esta regulación foi imprescindible” destacou Rosón que tirou de datos para demostrar o impacto que tiveron xa as políticas de vivenda impulsadas polos socialistas, permitindo pasar de máis de 900 vivendas turísticas no 2022 ás 523 que hai hoxe: “é dicir, recuperáronse vivendas ao alugueiro convencional”.

Destaca a edil socialista que agora outras cidades europeas e mesmo de España están a seguir os pasos de Santiago. Precisamente puxo o exemplo de Inés Rey en A Coruña que procura aplicar a mesma regulación que os Socialistas puxeron en marcha en Santiago. Aínda que puntualiza que as vivendas turísticas non son “o único problema do mercado da vivenda”, insiste en que si son un deles “e coa nosa modificación do Plan Xeral abordámolo”.

“Onde queda a credibilidade da señora Sanmartín?”

Mercedes Rosón insistiu ademais en destacar as “contradicións” da alcaldesa que “prometeu imposibles e por enriba das súas posibilidades” durante a campaña, en referencia ao compromiso adquirido polo BNG de regularizar as vivendas turísticas que estaban operando de xeito irregular sen contar coa habilitación municipal a pesar de estar inscritas no rexistro de Turismo de Galicia: “alentou un ambiente de crispación que agora vólveselle en contra”.

Neste sentido, cuestionou tamén a actitude da Xunta de Galicia a quen acusou de “enganar a moitos propietarios das vivendas de uso turístico” inscribindo as súas vivendas no rexistro autonómico sen contar coa habilitación municipal perceptiva, “algo que ata os propios letrados da Xunta aceptan e recollen a cascada de sentenzas sobre a legalidade das VUTs”.