Friday 22 de November de 2024

A rapazada da Pobra xa ten nas súas mans o libro gañador do VI Premio Carlos Mosteiro


Os colexios da primaria da Pobra do Caramiñal xa contan co libro gañador do VI Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro: Fóra de xogo, de José Luis Baños.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo, e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, desprazáronse nesta semana ata os CEP Pilar Maestú Sierra e Salustiano Rey Eiras para facer entrega de aproximadamente 350 exemplares entre o alumnado de ditos centros, ademais dos que se lle outorgan ás bibliotecas escolares dos mesmos.

Xa a finais do pasado mes, ao abeiro da axenda do Maio das Legas Galegas 2024, 6°. curso do CEP Salustiano Rey Eiras tivo ocasión de asistir ao acto de entrega do premio e presentación da obra, polo que puideron leva-los seus libros con dedicatoria do autor.

“O repartimento de exemplares entre a rapazada pobrense é un dos compromisos adquiridos polo Concello da Pobra do Caramiñal na convocatoria deste certame literario, ademais da gratificación económica de 3.000 euros e o sufraxio de parte da edición”, salienta a edil. Lojo precisa que, desta maneira, “promóvense boas lecturas e en galego entre as xeracións máis novas de pobrenses e foméntase a reflexión sobre temas de actualidade. Continuamos así co espallamento da cultura e a homenaxe a un veciño, mestre e escritor, que xogou un papel fundamental na literatura infanto-xuvenil.”