— Román Rodríguez presenta unha oferta “ampla, variada e de calidade” con 46.714 prazas de novo ingreso froito do diálogo co sistema socioeconómico
— As prazas medran en 24 das 25 familias profesionais que se poden cursar en Galicia, con incrementos que superan o 20% en catro delas e o 10% noutras 11
— As familias de Informática e comunicacións, Hostalaría e turismo e Comercio e márketing suman máis 400 prazas de crecemento con respecto ao actual curso
— O titular de Educación asegura que “todo aquel que o desexe, pode atopar un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades de cada persoa”
A Xunta amplía a Formación Profesional para o vindeiro curso en Galicia na práctica totalidade das familias profesionais así como en todas as áreas territoriais, o que blinda una oferta “ampla, variada e de calidade” cun total de 46.714 prazas de novo ingreso que foron deseñadas “en base ao diálogo entre a comunidade educativa os sectores socioeconómicos”.
Así o salientou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a presentación da oferta formativa para o curso 2024-25 por comarcas e especialidades, nun acto celebrado no Centro Integrado de FP, CIFP Compostela, en Santiago, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
O titular de Educación subliñou que con esta “cifra récord”, que medra nun 11% con respecto ao actual curso e que supón a conformación de 1.799 grupos de clase, búscase “que todo aquel que o desexe, atope un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa”.
Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, poderá escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.
Segundo Román Rodríguez, esta oferta reforzada contribuirá a “blindar a igualdade de oportunidades como sinal de identidade” do sistema educativo galego do cal forma parte a Formación Profesional.
Familias profesionais e territorios
No que atinxe ás familias profesionais, as prazas increméntanse en 24 das 25 que existen en Galicia, das cales catro delas medran por riba do 20% e outras 11 delas fano por riba do 10%. Como exemplo deste crecemento cómpre destacar a familia de Industrias extractivas (+46,67%), Edificación e Obra civil (+29,27%), Instalación e mantemento (+22,50%) e Seguridade e medio ambiente (+20,75%).
Se atendemos ás cifras absolutas, hai dez familias profesionais que incrementan o seu número en máis de 200 prazas con respecto a este ano. Entre elas destacan as familias Informática e comunicacións (que suman 534 prazas máis sobre as xa existentes), Hostalaría e turismo (483 máis) e Comercio e márketing (442 máis).
Impulso do rural
Se atendemos aos datos territorializados, a oferta medra en todas as áreas de Galicia, consolidándose a tendencia á alza nas zonas metropolitanas maiormente poboadas, con Vigo á cabeza, que aglutina o 22% da oferta total da comunidade autónoma, e a área da Coruña que aumenta as prazas nun 12,74% ata acadar as case 9.500.
Non obstante, faise fincapé no reforzo da oferta nas áreas rurais onde, en palabras de Román Rodríguez, “a FP actúa como vector de desenvolvemento, axuda a fixar poboación, a crear postos de traballo, a crear riqueza e a facer país”. Non en balde, o vindeiro curso ofértanse un total de 7.631 prazas no rural, o que representa un 11,5% máis (789 prazas máis) ca no actual curso e máis que nunca.
Entre eles cómpre destacar títulos como Produción agroecolóxica (Arzúa e Ribadeo), Soldadura e caldereiría (Cee, A Pontenova e As Pontes), Química e saúde ambiental (Burela) ou Deseño e amoblamento (A Estrada e Melide), entre un amplo abano de oferta.
Alta especialización
Outro dos eidos destacados en canto a impulso para o vindeiro curso son as titulacións de alta especialización que son exclusivas de Galicia e que, segundo explicou o conselleiro, “atenden ao reto de avanzar nun sistema de FP de alta cualificación atendendo a unha demanda específica por parte do sistema produtivo co deseño de titulacións ad hoc.
O vindeiro curso poderanse estudar un total de 24 titulacións de alta especialización configuradas como dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos, 13 delas de nova implantación. Hai un total de 623 prazas (un 52% máis que no actual curso) que se reparten en 27 grupos de aula por toda Galicia.