Os abonos, que saen moito máis a conta que as entradas individuais de cada día, poderán solicitarse desde o 11
A piscina municipal de San Sadurniño volverá abrir ao público o luns 17 de xuño, aínda que na fin de semana anterior xa poderán gozar dela as rapazas e rapaces participantes no torneo de fútbol organizado polo CF San Sadurniño. Durante estes días están desenvolvéndose traballos de enchido, limpeza e de posta a punto das instalacións, que permanecerán abertas até o 8 de setembro con posibilidade de estirar a temporada un pouco máis se viñesen días de calor. Mentres se prepara a apertura, o departamento de Deportes abrirá o martes 11 de xuño o prazo para solicitar os abonos individuais e familiares de temporada e tamén para preinscribirse nos cursos de natación. As instancias hai que presentalas na Sede Electrónica ou presencialmente na Casa da Cultura en horario de 9 a 14:00h. de luns a venres.
O horario de baños libres será o mesmo que o ano pasado e manterase fixo durante toda a temporada: de 15:00 a 21:00h pola semana e de 14:00h a 21:00h os sábados, domingos e festivos. A escola municipal de natación, que arrancará o 3 de xullo, desenvolverase os mércores e venres a partir das 11:00h ofertando durante os dous meses centrais do verán as actividades de iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de participantes.
Para preinscribirsenos cursos hai que enviar un mail cos nosos datos e o curso no que teñamos interese a agustin.perez@
Prezos das entradas individuais e dos abonos, que saen máis a conta
As entradas individuais para baños libres -3,78€ adultos e 1,90€ menores de 14 anos- deberán collerse cada día na cantina da piscina. Porén, o máis interesante é mercar un abono xa que, por exemplo, unha persoa adulta que merque tique para toda a tempada -33,43 €- terao descontado en tan só 9 baños.
O Concello abrirá o 11 de xuño o prazo de solicitude de abonos, que deberán tramitarse na Casa da Cultura ou a través da Sede Electrónica, adxuntando fotocopia do carné da persoa solicitante, fotografías tamaño carné das persoas beneficiarias do abono -poden ser unha ou varias se é familiar-, o resgardo do pagamento da taxa, a ficha de solicitude e, de ser o caso, a fotocopia do carné xove (só para abonos individuais).
Igual que ocorre cos cursos, o pagamento pode facerse con tarxeta na propia Casa da Cultura ou ingresando/facendo transferencia e incorporando o resgardo ao formulario de petición.
Os prezos xerais das entradas individuais, dos abonos e dos cursos mantéñense igual que o ano pasado:
Concepto |
Importe (€) |
Entrada individual diaria de persoas adultas |
3,78 € |
Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos |
1,90 € |
Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos) |
33,43 € |
Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos) |
42,99 € |
Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello) |
59,71 € |
Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello) |
71,65 € |
Abono de tempada familiar, por cada persoa a partires da 5.ª (independente do empadroamento) |
5,97 € |
Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas empadroados (ata 14 anos) |
14,33 € |
Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas non empadroados (ata 14 anos) |
17,91 € |
Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos empadroadas no Concello |
23,88 € |
Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos non empadroadas no Concello |
29,86 € |