No decurso desta asemblea deuse conta da celebración mantida polos representantes da Federación Europea a pasada semana en Luxemburgo co novo director do Instituto de Itinerarios Culturais
No encontro abordouse unha estratexia para a ampliación dos seus socios pertencentes a novas entidades territoriais dos diversos países europeos
O director-xerente do Xacobeo participou nesta xuntanza para expoñer o traballo que dende a Xunta se realiza na xestión integral do Camiño de Santiago en Galicia
Santiago, 3 de febreiro de 2016.- A Federación Europea do Camiño de Santiago, que actúa como órgano xestor da Ruta Xacobea como primeiro Itinerario Cultural Europeo diante do Instituto de Itinerarios Culturais do Consello de Europa, celebrou hoxe en Lisboa a súa asemblea xeral.
Esta Federación está integrada pola Xunta de Galicia, xunto á Communauté d’Agglomeration du Le-Puy-en-Velay en Francia, a provincia de Namur en Bélxica e os municipios de Asís e Vilapouca de Aguiar en Italia e Portugal respectivamente.
No decurso desta asemblea deuse conta da celebración mantida polos representantes da Federación Europea a pasada semana en Luxemburgo co novo director do Instituto de Itinerarios Culturais, Stefano Dominioni, no que se trataron diversos aspectos para impulsar o papel da Federación como entidade responsable do impulso do Camiño de Santiago nos diversos países de Europa.
Neste senso, no encontro abordouse unha estratexia para a ampliación dos socios desta Federación que ten previsto ampliarse a novas entidades territoriais dos diversos países europeos.
A Federación participará, pola tarde, nunha xuntanza impulsada polo municipio de Vilapouca de Aguiar de cara a creación dunha asociación nacional portuguesa do Camiño de Santiago na que participarán representantes de Turismo de Portugal, Direçao Geral de Patrimonio Cultural, Pastoral do Turismo da Conferencia Episcopal Portuguesa, así como diversas asociacións de amigos do Camiño, entre outros colectivos.
O director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, participou nesta xuntanza para expoñer o traballo que dende a Xunta de Galicia se realiza na xestión integral do Camiño de Santiago na nosa Comunidade Autónoma.
Dimensión transnacional da Ruta Xacobea
A Federación Europea dos Camiños de Santiago foi creada en 2011 co obxectivo de dar unha dimensión transnacional á Ruta Xacobea e traballar na consolidación do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
Entre as accións que desenvolve a federación destaca a promoción da marca Camiño de Santiago a través do desenvolvemento da web SaintJamesWay.eu, a realización de accións conxuntas, a cooperación co Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago; a cooperación coas universidades dos diferentes países así como coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago; a participación no foro anual do Instituto de Itinerarios Culturais Europeos, entre outras.