Corrubedo acolleu este martes un acto público do BNG no que se fixo un chamamento á mobilización masiva o próximo domingo para encher as urnas coa papeleta do “do equipo da casa” e que Galiza conte así cunha voz firme que defenda os intereses dos galegos e das galegas na Unión Europea. No que participou a concelleira e candidata Antía Alberte, o alcalde de Ribeira Luís Pérez e a deputada do BNG, Rosana Pérez.
Antía Alberte analizou a importancia de votar nestas eleccións europeas xa que, segundo dixo, “xogámonos moito nestas eleccións” e apelou ao conxunto da cidadanía a votar “con ilusión” pola “candidatura de País que representa o BNG e porque sempre vai dar a cara polos galegos e as galegas”. Ademais, Alberte incidiu en que os nacionalistas traballarán por acadar unhas normativas ambientais que protexan a natureza de Galiza ao tempo que se ten en conta o punto de vista social e económico.
Pola súa parte, o alcalde ribeirense, defendeu o dereito de Galiza a decidir en Europa “con voz e voto” sobre todos aqueles asuntos que lle afectan directamente, como é o caso da pesca, que exemplifica o “moito que se xoga” Galiza nas eleccións europeas e de como as decisións que se toman en Bruxelas afectan ás posibilidades de desenvolvemento económico do País. Neste sentido, Pérez Barral, asegurou que o sector pesqueiro enfronta enormes retos: cotas de pesca, normativas que non sempre teñen en conta as nosas especificidades, proxectos ameazantes como a eólica mariña en caladoiros ou megacelulosas como Altri que poden danar o río Ulla e a Ría de Arousa. “Nestas circunstancias, necesitamos alguén que defenda a nosa posición con firmeza, coñecemento e paixón. Ana Miranda e o BNG fixérono e a partir do 9 de xuño farano con máis apoios” sentenciou.
A deputada, Rosana Pérez, recordou que en Europa se decide dende canto pode pescar a frota galega, ata o ancho e longo dos seus barcos, pasando por un reparto de cotas inxusto ou por tentar eliminar as redes do xeito sen saber que son precisamente as máis sostibles. “E non o conseguiron porque alí estaba Ana Miranda defendendo a pesa galega, dándolle voz aos mariñeiros, ás redeiras e a todo o sector”, recordou para poñer en valor o traballo desenvolvido polo BNG na defensa dos intereses galegos na Eurocámara. “Galiza é unha nación pesqueira e a xente do mar non pide axudas nin subvencións para desguazar barcos, pide vivir do seu traballo como leva facendo xeración tras xeración”, acrecentou.
A nacionalista argumentou tres grandes motivos polos que escoller o BNG; “primeiro porque é o partido que máis fala dos temas que importan aos galegos e galegas; segundo porque seremos unha barreira fronte o belicismo e a ultradereita e terceiro porque é garantía de defender a paz e as causas xustas”. Por iso, concluíu a súa intervención animando á cidadanía a “coller a papeleta” nacionalista, a da “candidatura 100% galega”, como a única que garante o compromiso inequívoco cos intereses de Galiza e dunha Europa social, antifascista e que aposte pola paz nas relacións internacionais.