O acondicionamento das zonas verdes pon o punto final á obra, que estará lista para as festas de San Xoán
A empresa Excavaciones y Obras Candal terá listas para as festas de San Xoán as obras de reurbanización da rúa Estrela, que completa as actuacións previstas no plan director dos Baños Vellos e, polo tanto, o proxecto de posta en valor da contorna do balneario, o único en funcionamento na provincia da Coruña.
Dentro das medidas encamiñadas a potenciar ese recurso extraordinario co que conta o noso concello acometéronse obras de reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos, Pontevedra, Chile e Lugo, cun investimento total de máis de 700.000 euros, e agora tamén na rúa Estrela. Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, achegouse ata a obra e tivo a ocasión de recoller a boa aceptación da actuación por parte da veciñanza.
Dado o seu emprazamento, na zona de protección da autorización de aproveitamento de augas mineiro-medicinais e termais “Virxe da Estrela”, os traballos tiveron que adaptarse aos condicionantes establecidos pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia.
A intervención realizada na rúa Estrela permite mellorar a accesibilidade e a seguridade viaria tanto na propia vía coma nos seus entronques coas rúas Perú, Vázquez de Parga e Baños Vellos, dentro do marco de melloras de calidade urbana que se están levando a cabo nos últimos anos.
Coa esta actuación esténdese á rúa Estrela a plataforma única, que xa existe en todo ese ámbito, e elimínase unha das ringleiras de estacionamento para ampliar os percorridos peonís e incluír vexetación, que é, precisamente, no que se está traballando estes días. Nesa procura da calidade urbana, o proxecto tamén inclúe a instalación de mobiliario urbano. Ao mesmo tempo, as obras permitiron modernizar os servizos urbanísticos, mellorando os existentes e incluíndo outros novos.