Friday 22 de November de 2024

A Xunta apoia este ano a celebración de preto dun cento de Festas de Interese Turístico de Galicia


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria pola que Turismo de Galicia amplía a contía de cada concello beneficiario ata 4.000 euros

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria das axudas para a promoción das festas de interese turístico de Galicia da que este ano son beneficiarias un total de 97 festividades das catro provincias. Como novidade, Turismo de Galicia incrementou este ano o orzamento global, ata os 500.000 euros, e tamén o apoio que recibe cada festa, pasando de 3.000 ata 4.000 euros.

Como se informa no DOG onde se pode consultar toda a relación de beneficiarios, nesta convocatoria de concorrencia non competitiva, reciben a axuda 28 festas de interese turístico de Galicia da provincia de A Coruña, 23 da provincia de Lugo, 19 festas da provincia de Ourense e 27 da provincia de Pontevedra. Podían ser beneficiarios os concellos galegos nos que se celebrasen durante este ano 2024 festas de interese turístico de Galicia, que a día de hoxe superan as 140, e só se podía conceder unha axuda por concello.

Cada festividade beneficiaria recibe este ano 4.000€ por parte de Turismo de Galicia coa intención de potenciar estas festas co recoñecemento de interese turístico de Galicia e contribuir a parte dos investimentos directamente vinculados a elas. Así, sufráganse, entre outros, gastos vinculados coa promoción e difusión turística da festa como publicidade, cartelaría, anuncios nos diferentes medios de comunicación, actuacións artísticas… No caso de celebracións de festas gastronómicas son subvencionables os gastos de adquisición do produto obxecto da festa.

Estas axudas enmárcanse no traballo levado a cabo polo Goberno autonómico para o impulso das festas de interese turístico de Galicia, que, pola súa singularidade e tradición, se converten en importantes reclamos en distintos momentos do ano e tamén de xeito repartido por toda a Comunidade galega, aliándose así cos obxectivos de desestacionalización e diversificación do modelo turístico impulsado pola Xunta de Galicia.