Leváronse a cabo, en colaboración con APECCO, un curso básico de prevención de riscos laborais e cinco específicos en diferentes áreas
Convocaranse outros dous cursos máis de prevención para este ano, obrigatorios para desenvolver a actividade profesional
O Concello da Coruña convocou neste 2024 un curso básico de prevención de riscos laborais na construción, imprescindible para todas aquelas persoas que queiran desenvolver o oficio profesional. En total, 23 persoas remataron o curso obtendo o certificado de prevención de riscos laborais na construción, das que 14 están traballando no sector. É dicir, seis de cada dez persoas que remataron a formación teñen emprego, cunha taxa de inserción laboral do 60,87%.
A construción é un dos sectores con máis demanda de persoas traballadoras, quedando postos vacantes pola falta de persoal con formación específica no sector. Seguindo a liña marcada polo Goberno de Inés Rey de ofrecer formación a persoas en situación de desemprego en sectores con alta demanda laboral, o Concello puxo en marcha esta acción formativa, en colaboración coa Asociación Provincial de Empresas da Construción da Coruña (APECCO).
A formación completouse con cinco cursos específicos de prevención de riscos laborais en diferentes especialidades, de 6 horas de duración cada un: albanelaría, pintura, operacións de vehículos e maquinaria de movemento de terras, operacións de equipos manuais e montaxe de estruturas tubulares (estadas). Ademais, tamén se lles tramitou a Tarxeta Profesional da construción (TPC) a aquel alumnado que cumpría os requisitos.
Atendendo á taxa de empregabilidade, ao longo deste ano convocaranse dous cursos máis na materia. As persoas interesadas deben solicitar cita de orientación no Centro Municipal de Emprego dos Rosales a través da web www.coruna.gal/emprego ou chamando ao 981 184 399.