As probas discorrerán polo arboreto da Cortiña e pola contorna do centro urbano o próximo domingo
O Concello de San Sadurniño pechará ás 22:00h deste mércores 5 de xuño o prazo para apuntarse na novena edición da carreira popular que vai percorrer a contorna do centro urbano na xornada do próximo domingo, 9 de xuño. A un día de que finalice o período de inscricións, na cita xa van anotadas 388 persoas (vinte máis que o total do ano pasado), na súa maior parte para a proba absoluta de 4,9 quilómetros. Para participar cómpre rexistrarse a través da web emesports.es. O trámite é gratuíto nas carreiras inferiores, mentres que a inscrición na principal ten un custe de 5€.
A xornada deportiva “Corre polo medio ambiente” do domingo introduce pequenos axustes con respecto a anteriores edicións, co obxectivo de axilizar o desenvolvemento das distintas probas e non demorar máis do debido a entrega de premios.
Un dos cambios producirase na primeira carreira, que comezará ás 11:00h, agrupando por primeira vez as categorías Sub-14 e Sub-16. Terán que correr 900 metros dándolle tres voltas ao circuíto interior deseñado no arboreto da Cortiña.
Media hora despois, ás 11:30, arrancarán todas as categorías englobadas no apartado absoluto, desde Máster 4 (persoas nacidas antes de 1964) ata Sub 18 (nacidas en 2007-2008), que este ano volverán describir unha grande volta que pasará pola Bidueda, cruzará Cornide e seguirá pola beira da estrada de Ortigueira ata chegar á Casa do Concello, onde os e as deportistas encararán a recta final pasando polos xardíns municipais e o Mesón A Granxa antes de rematar de novo na Cortiña.
Son 4,9 quilómetros que xa o ano pasado, na edición en que se estreou o trazado, demostraron ser auténticos crebapernas para as corredoras e corredores con menos experiencia á hora de dosificar forzas, debido principalmente a un penúltimo tramo -o que discorre pola AC-862- non demasiado pronunciado pero si o suficientemente longo como para baixar o ritmo xeral e producir cambios importantes na clasificación relativamente preto do arco da meta.
As carreiras da rapazada adiantaranse dez minutos con respecto a 2023, de maneira que Sub 12 correrá 600 metros na contorna do paseo fluvial a partir das 12:20h, mentres que Sub 10 fará o propio sobre unha distancia de 300 metros a partir das 12:35h. A máis numerosa e espectacular, a de Peques, percorrerá un tramo en liña recta de 60 metros dándo varias saídas das 12:45h en diante para evitar caídas das nenas e nenos máis pequenos (nados do 2017 en diante).
Porén, para participar, antes hai que anotarse. As inscricións recóllense unicamente en liña a través da web emesports.es. A última oportunidade é ás 22:00h deste mércores 5 de xuño, despois de que o Concello decidise ampliar o prazo en dous días máis. A participación é gratuíta en todas as carreiras agás na absoluta, que ten un custe de 5€ por deportista. Iso si, todas as corredoras e corredores, sexan da categoría que sexan, terán cobertura de seguro, avituallamento, cronometraxe e un agasallo, ademais de optar aos trofeos que se entregarán de Sub 10 a Absoluta (en Peques hai medalla para todas e todos).
A popular de San Sadurniño é xa unha das citas clásicas para o deporte afeccionado da comarca, ademais de formar parte do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e do décimo circuíto de carreiras da Deputación da Coruña. Para as cronometraxes e todos os aspectos deportivos, o Concello contará coa asistencia técnica da FGA.
Tamén colaboran a clínica local Fisio-che ben, que terá un servizo de recuperación muscular trala carreira, e o club MTB Biela e Chaveta, que habitualmente vai abrindo e pechando en bicicleta todas as probas.