Friday 22 de November de 2024

A Pobra liberou as praias dos Areos e da Corna de máis de 100 quilogramos de lixo co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente


Dúas limpezas de praias desenvolvéronse na Pobra do Caramiñal na fin de semana co gallo do Día Mundial do Medio Ambiente, que se conmemora cada 5 de xuño.

Persoas usuarias do centro ocupacional do CAD, a través da Concellaría dos Servizos Sociais, centráronse na retirada de lixo da praia dos Areos, na tarde do 31 de maio. Esta acción atópase dentro do proxecto Libera, impulsado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes.

A maiores, voluntariado medioambiental participou na mañá do 2 de xuño nunha retirada de residuos na praia da Corna como iniciativa da Concellaría do Medio Ambiente.

No total, liberáronse estas contornas marítimas de máis de 100 quilogramos de refugallos.

O Departamento do Medio Ambiente repetirá esta actividade no 16 de xuño, en horario de 10.00 a 14.00 horas. As persoas adultas interesadas en sumarse deberán inscribirse no enderezo electrónico voluntariadopobradocaraminal@gmail.com.