Friday 22 de November de 2024

O Pleno de Lousame aproba unha Declaración Institucional para que se lle dedique o Día das Letras Galegas 2026 a Zernadas de Castro


O Pleno do Concello de Lousame aprobou unha Declaración Institucional para propoñer a candidatura de Diego Antonio Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas de 2026. O Concello de Lousame comprometeuse a elaborar un informe sobre a figura do cura de Fruíme e a súa importancia como precursor do galeguismo, así como solicitar unha reunión co presidente da Real Academia Galega e seguir buscando o apoio dos distintos académicos.

Unha Declaración Institucional xurdida dunha moción do grupo mixto que “parece sacada da miña intervención en Fruíme de hai dous anos”, apuntou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen aproveitou para darlles a “benvida” a “unha reivindicación que levamos facendo cada ano as distintas corporacións municipais a través de múltiples actividades como as deste ano”, que incluíron a tradicional ofrenda floral e unha exposición sobre a figura de Zernadas de Castro elaborada en colaboración coa AAVV Cernadas de Castro.

De feito, Villaverde explicou que “todo o que se pide na moción xa se fai ano tras ano porque xa fun á Real Academia Galega vairas veces e reuninme con académicos e penso que se non fose sacerdote, ao mellor xa estaba recoñecido. Non entendo que se lle discrimine por iso”. Pola súa banda, o voceiro socialista, Juan José Prego Ces, amosouse “de acordo coa moción e co explicado pola alcaldesa porque os que peinamos canas sabemos que se tentou sempre reivindicar a figura de Zernadas de Castro. Sempre se tentou e fixémolo todos os grupos e corporacións políticas que non entendemos por que non se lle dá ese aprecio a Zernadas de Castro”.

Finalmente, Anxo Moledo, voceiro do grupo mixto xustificou a moción na importancia da figura de Zernadas de Castro como primeiro precursor do galeguismo e pola súa defensa de Galicia nos seus escritos, tanto en prosa como en verso, así como o seu apoio á veciñanza da parroquia de Fruíme, ensinándolles a ler e a cultivar o millo.

Política de Seguridade

No que atinxe á parte resolutiva do Pleno, aprobouse por unanimidade a política de seguridade do Concello de Lousame así como o incremento dos límites cuantitativos nun contrato plurianual de obras, que contou cos votos a favor de PP e Grupo Mixto e a abstención do PSOE. Así mesmo, aprobáronse dous recoñecementos extraxudiciais de crédito para o pago de facturas, o primeiro por unanimidade e o segundo coas abstencións de PSOE e Grupo Mixto.

Unha votación que se repetiu na aprobación dunha Modificación de Crédito de 14.097 euros presentada por urxencia polo Grupo de Goberno para a redacción dun estudo sobre o estado da rede viaria municipal e a reforma de dous proxectos de obras: os vestiarios do campo de fútbol municipal e o arranxo do viario de Seoane a Aldeagrande.

Mocións

Na quenda de mocións, aprobouse a presentada polo Partido Popular para instar ao Goberno de España a “aumentar a convocatoria de prazas de funcionarios con habilitación de carácter nacional en cantidade suficiente para cubrir o déficit existente nas entidades locais e axilizar os procesos de selección”, apuntou o voceiro popular, Esteban Ares García. Así mesmo, solicitou que o Goberno de España se comprometera coa Habilitación Nacional mantendo as competencias en selección, nomeamento, formación e designación dos funcionarios e non transferindo esta competencia ás comunidades autónomas.

Este último punto motivou o voto en contra tanto de PSOE como do Grupo Mixto porque “as comunidades autónomas non son todas iguais e isto ten que estar vencellado a elas”, explicou Juan José Prego. Dende o grupo mixto amosaron o seu acordo coa moción excepto no último punto, que podería ser utilizado “para centralizar competencias no Estado”. Teresa Villaverde non aceptou a supresión deste punto lembrando que “somos un concello que sufre a falta de habilitados nacionais”.

Tamén foi aprobada, desta vez por unanimidade, unha moción do Grupo Misto pola igualdade no transporte no Bacharelato na que se solicitaba unha mellor planificación da ruta do transporte e axustar os horarios das liñas existentes de transporte baixo demanda porque “a esas horas a xente non o colle”, lamentou Anxo Moledo. Os socialistas apoiaron a moción xa que “o problema non é so no Bacharelato, senón que é un problema de transporte en todo o rural de Galicia”, apuntou Juan José Prego.

A alcaldesa de Lousame anunciou o voto a favor da moción “para que dende o Grupo Mixto non fagan demagoxia cun asunto tan importante coma este”. Neste sentido, Villaverde puntualizou as críticas expresadas polo Grupo Mixto na súa exposición de motivos: “o autobús non colle a ninguén ás seis da mañá e pode haber variacións de media hora entre uns alumnos e outros simplemente polo feito de que se empeza a recoller nun sitio e se acaba por outro. Non se pode ir á hora que quere cada un”.

Neste sentido, explicou que para planificar a ruta “hai que saber os datos de quen vai ir a Bacharelato, se algún repite… e ata setembro non se teñen” e insistiu en que “os servizos, se se poñen, é para que se usen”. Así, explicou que “o ano pasado, nunha ruta na que o autobús recollía a quince persoas, conseguimos que parase nunha aldea para recoller a seis rapaces. O condutor avisounos en decembro de que ninguén collía o autobús nesa parada. Fun acompañando o bus durante unha semana e comprobei que só houbo un día no que subiu un rapaz dos seis que estaban apuntados”.

Finalmente, non foi aprobada a urxencia dunha moción do grupo mixto sobre a pasta de celulosas de Altri e unha do grupo socialista que solicitaba a creación dun Plan de mellora dos accesos aos núcleos de poboación. Teresa Villaverde explicou que “non é que non queiramos facer un Plan, é que xa o temos”. Así, indicou que ese plan “leva facéndose dende 2013 para mellorar as estradas principais, os accesos aos núcleos e a depuración das augas segundo a financiación que se dispoña no momento”.