Friday 22 de November de 2024

Alternativa chama ao diálogo a todos os grupos da corporación para resolver os problemas do Concello


A situación no Concello de Cambre non se pode manter máis tempo. Os veciños e veciñas necesitan que funcionen os servizos públicos: limpeza viaria, limpeza de edificios públicos, o mantemento de zonas verdes, as reparacións de rúas e beirarrúas, limpeza de maleza nas vías municipais… As asociacións e clubs do concello precisan as subvencións para manter as actividades educativas, culturais e deportivas. A situación vén dada pola nefasta xestión do goberno municipal no que eran responsables Unión por Cambre e PSOE.

Desde Alternativa dos Veciños viñamos denunciando a caótica xestión do Goberno e nunca fomos comprendidos pola maioría dos veciños e veciñas, que seguiron apostando polos mesmos que trouxeron o caos e a paralización do concello. O reparto de poder, ao non existir maiorías, e a ambición e o ego de antigos socios de goberno deixou en minoría a Unión por Cambre ao non cederlle a concellería de obras ao PSOE. Por que en concreto esa concellería?

O anuncio dunha moción de confianza por parte da alcaldesa, tras a cal de non presentarse outra candidatura (o cal non será posible agás que pacten PSOE, BNG e PP), os orzamentos quedarán aprobados, o cal non quere dicir que se acabaron os problemas en Cambre ao quedar o goberno en minoría para a aprobación de grandes asuntos como obras públicas, novos proxectos, créditos…

Desde Alternativa dos Veciños chamamos a todos os grupos políticos presentes na corporación a analizar e dialogar polo ben da veciñanza de Cambre.