Friday 22 de November de 2024

O Concello oferta máis de 700 prazas nos cursos de natación de verán en Riazor


O prazo de inscrición xa está aberto para xullo e setembro, con 356 e 352 prazas respectivamente nas diferentes modalidades

Tamén se abriu a inscrición nos cursos de verán de golf en xullo e agosto, con 128 prazas mensuais entre as diferentes franxas de idade

O Concello abre a oferta de cursos de natación para este verán 2024. En total ofértanse 708 prazas para as actividades da Piscina Municipal de Riazor durante os meses de xullo e setembro, entre as diferentes idades e quendas, avanzando na liña do Goberno de Inés Rey da promoción do deporte e dinamización das escolas deportivas municipais.

Esta mañá abriuse o prazo de inscrición para o total dos cursos. Para os cursos do mes de xullo ofértanse 356 prazas divididas en seis franxas en función da idade: de 6-8 anos, 9-11 anos, 12-17 anos, +18 e +60 así como un específico de prenatal. Tamén se dividirá por nivel segundo iniciación ou perfeccionamento e pecharase a inscrición o 28 de xuño. En canto aos do mes de setembro, ofértanse 352 prazas en programas similares e a inscrición está aberta ate o 30 de agosto.
Ademais, tamén se ofertan cursiños específicos de recuperación funcional para persoas adultas, con 120 prazas cada mes, repartidas en 12 quendas segundo turno de mañá ou de tarde. Para todos os cursos de perfeccionamento, así como para recuperación funcional e natación prenatal, cómpre ser capaz de nadar 25 metros sen tocar fondo nin utilizar medios auxiliares fixos ou móbiles. Para os cursos de +18 ademais, ser capaz de nadar 100 metros empregando dous estilos diferentes.

Para inscribirse é preciso achegarse ás oficinas de rexistro e atención ao público dependentes do Servizo Municipal de Deportes (SMD) situadas no Palacio dos Deportes de Riazor no horario de atención ao público de luns a venres das 08.00 ata ás 14.00 horas ata o 14 de xuño, e a partir do 17 de xuño dito horario de 8.00 a 13.30 horas. No caso de curso de prenatal, o prezo é de 7 euros mensuais. No resto de franxas e quendas é:

FRANXA DE IDADE
DÍAS  6/17 ANOS  18 A 64 ANOS  MÁIS 65 ANOS/IPREM
2 DÍAS/SEMANA    26,22 €  10,49 €
3 DÍAS/SEMANA    34,96 €  16,63 €
5 DÍAS/SEMANA  34,96 €  43,70 €  27,73 €

No caso dos cursos específicos de recuperación funcional, destinado ao alumnado das Escolas Deportivas Municipais do curso 2023/24, o prezo é de 10,88 euros para 2 días á semana e de 13,88 para 3 días, na franxa de 18-64 anos; e de 6,59 euros e 8,24 euros respectivamente na franxa +65.

Para formalizar a inscrición deberase asinar o documento de matrícula coa fotocopia do DNI e no caso dos menores que non teñan DNI, fotocopia do Libro de Familia e DNI do pai, nai ou persoa titora. Poden solicitar máis información sobre horarios e cursos no teléfono 981189800 ou na web www.coruna.gal/deportes.

Cursos de golf de verán

O Concello tamén abriu o prazo de inscrición para os cursos municipais de golf de verán nos meses de xullo e agosto. En total ofértanse 128 prazas entre os dous meses e as diferentes modalidades: infantil, de 6 a 11 anos; xuvenil, de 12 a 16 anos; e persoas adultas, de 17 anos en diante. A inscrición remata este domingo 9 de xuño ás 23.59 horas e pode realizarse na seguinte ligazón: https://forms.gle/eLqi8s6BUUNc6EA86.

A listaxe provisional de solicitantes publicarase o día 11 de xuño de 2024 na web municipal así como nos taboleiros de anuncios do propio campo municipal de golf e das instalacións municipais da Cidade Deportiva da Torre, Polideportivo do Barrio das Flores e Palacio dos Deportes de Riazor. Logo abrirase un prazo de corrección a partir da data de publicación das listaxes provisionais para que se poidan formular alegacións ata o 13 de xuño de 2024, presentadas por correo electrónico no enderezo programasdeportivos@coruna.gal.

A listaxe definitiva publicarase o 14 de xuño a partir das 14.00 horas e o sorteo público terá lugar o 17 de xuño ás 9.00 horas. As listaxes de de adxudicación de prazas e lista de espera publicaraseo 19 de xuño a partir das 14.00 horas. A matricula realizarase no Campo Municipal de Golf Torre de Hércules do 20 ao 28 de xuño.