Friday 22 de November de 2024

A danza máis actual toma este sábado o paseo de Xuvia coa estrea do festival “Neda en danza”


A programación incluirá ademais obradoiros, abertos á veciñanza interesada, na Casa da Cultura

O Concello estrea este sábado a súa nova aposta cultural. Trátase do festival “Neda en danza” destinado a dar visibilidade á comunidade artística galega, e favorecer o achegamento do público á danza. A proposta inclúe a programación de obradoiros e espectáculos ao aire libre nun marco único como o paseo marítimo de Xuvia.

A modo de adianto, a bailarina Cristina Montero imparte dende o pasado venres un ciclo de trece obradoiros, destinados a introducir á rapazada dos centros educativos públicos e máis ás persoas usuarias dos talleres de memoria no que é a danza contemporánea e convidalos a asistir ao novo certame.

Precisamente a bailarina ferrolá será unha das protagonistas do cartel, que incluirá o día 8 de xuño, a partir das 20 horas, Catro espectáculos no Paseo de Xuvia. Catro propostas de estilos ben diferentes que, sen dúbida, sorprenderán ao público.

Elahood chega a Neda con “Intempestiva”, a súa premiada proposta de danza urbana, concibida como un “retrato en movemento da axitación creativa das novas xeracións”. Un espectáculos inspirado na obra e figura de Xela Arias.

Deseguido, o público poderá desfrutar de “Outr@s”, unha peza de danza en formato curto e cunha estrutura improvisada, na que Cristina Montero propón unha viaxe sensorial no imaxinario da xente.
Daniel Rodríguez presentará “A raíz de”, que emerxe como un diálogo entre tradición e contemporaneidade para construír un discurso de futuro. Nel están ben presente a música, o canto e a danza tradicional galega.

E finalmente, porá o broche de ouro á xornada Bboy Amor. O nedense David Amor, campión de España de break dance da categoría sub-21, ofrecerá ante a súa veciñanza unha exhibición deste baile urbano, arraigado na cultura do hip-hop,

TALLERES
O certame incluirá o propio sábado, en horario de mañá, un obradoiro de danza urbana con Elahood, destinado a mozos/as e público adulto (11 h na Casa da Cultura) e outro, dirixido ao público familiar, a partir das 12.30 h, no que Daniel Rodríguez mostrará como se pode levar a danza tradicional a un contexto de arte contemporáneo. Serán de balde, previa inscrición no teléfono 981390233 ou, de forma presencial, na biblioteca.
O Concello de Neda contará para o desenvolvemento de “Neda en danza”, que amplía a oferta escénica do municipio saldando unha débeda coa danza, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.