A actividade oferta este ano 35 prazas para os meses de xullo e agosto
A Aldea de Verán é un recurso socioeducativo ofrecido polo Concello de San Sadurniño co que se pretende facilitarlles ás familias con rapazada de 3 a 12 anos unha opción máis de conciliar a vida laboral coa atención dos nenos e nenas durante as vacacións estivais. Este servizo desenvolverase nos meses de xullo e agosto, coa posibilidade de elixir entre dous horarios de entrada, un a partir das 8:00h e outro desde as 09:00h, rematando en ambos casos ás 15:00h. A diferenza de anteriores edicións, desta vez só haberá un prazo de solicitude para xullo, para agosto ou para ambos meses, que estará aberto desde as 9:00h do día 3 até as 14:30h do día 14 de xuño. O trámite pode facerse a través da Sede Electrónica ou presencialmente. As persoas que vaian presentar as solicitudes doutras familias deberán achegar a folla de representación correspondente, ademais de copia dos DNIs das persoas interesadas.
O programa do departamento de Igualdade busca ofrecerlle á rapazada xa escolarizada de entre 3 e 12 anos un espazo de lecer e educación durante as vacacións do verán, ao tempo que lles axuda ás familias a combinar traballo e coidado dos nenos e nenas neses dous meses en que están na casa. Cómpre ter en conta,
Para a edición deste ano hai 35 prazas dispoñibles, que se irán cubrindo por orde de solicitude dándolle prioridade ás familias empadroadas no concello. Se hai vacantes cubriranse con familias nas que algún dos seus membros teña vinculación laboral con San Sadurniño e, en último caso, con pequenos e pequenas doutros municipios, con preferencia para quen estea estudando no CPI de San Sadurniño.
O horario global é de 8:00 a 15:00h horas de luns a venres dividido en dúas quendas: unha de 8:00 a 15:00h, con 10 prazas dispoñibles, e outra con entrada a partir das 9:00h e remate igualmente ás 15:00 horas. En función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos do servizo serán os seguintes:
Horario de 8:00 a 15:00h | Horario de 9:00 a 15:00h | |
---|---|---|
1º Membro da unidade familiar | 110€ | 80€ |
2º Membro da unidade familiar | 75€ | 50€ |
3º Membro da unidade familiar | 45€ | 30€ |
Como novidade, con carácter xeral tanto para familias de San Sadurniño como para as de fóra do municipio, o pagamento da matrícula deberá efectuarse unha vez que o Concello confirme a obtención de praza para o servizo. Debe terse en conta, unha vez máis, que a adxudicación se fará por orde de inscrición e dándolle prioridade ás familias que soliciten a entrada ás 8:00h.
O prazo xeral de solicitude para o servizo permanecerá aberto desde as 9:00h do día 3 de xuño ata as 14:30h do día 14 de xuño, período no que as familias poderán achegar a petición para xullo, para agosto ou para os dous meses. Se pasado este prazo quedasen prazas vacantes para o mes de agosto, volverase abrir un novo período de solicitude do 1 ao 12 de xullo.
Quen queira obter máis información sobre o programa pode dirixirse aos servizos de Igualdade do Concello de San Sadurniño ou chamar ao 981 490 027. A folla de solicitude -que como novidade incorpora tamén o resto da documentación requirida (cuestionario médico, dni e autorización)- pode presentarse no rexistro municipal de forma presencial ou ben a través da Sede Electrónica, onde tamén figuran todos os impresos para a súa tramitación en liña ou para descarga.