Friday 22 de November de 2024

Novo éxito de participación nas Merendiñas con máis de 1.400 participantes


Máis de 1.400 persoas maiores volveron encher os xardíns das Torres de Santa Cruz de alegría, reencontros e bos momentos. A XXVIII Romaría das Merendiñas non defraudou e as máis de 100 persoas colaboradoras, encargadas de elaborar a comida e servila nas mesas, funcionaron como auténticos profesionais, baixo a coordinación do equipo de Servizos Sociais e Igualdade.

A favorable climatoloxía contribuíu a redondear unha xornada marabillosa na que a boa música propiciou o baile, antes e despois do xantar, coa Banda Municipal, o dúo Xilo e Carlos e os solistas Melchor e Marietta.

A gran capacidade de convocatoria que ten esta xa tradicional romaría denota ata que punto a xente maior de Oleiros participa nas actividades para manter unha vida social máis activa e estimulante.

O Concello de Oleiros quere agradecer publicamente a todas as persoas voluntarias o seu traballo no día de hoxe. A Romaría das Merendiñas non tería sido posible sen as preto de 100 persoas que colaboraron co Concello durante toda a xornada. A boa organización e a excelente predisposición das persoas voluntarias e dos traballadores e traballadoras municipais fixo posible servir a comida nun tempo récord e lograr que todo funcionase correctamente.