Friday 22 de November de 2024

O BNG reclama á Xunta que asuma as competencias que lle corresponden na xestión dos conservatorios de música


Vinte e tres concellos de Galiza fanse cargo do custos dunhas instalacións que son responsabilidade da Consellería de Educación

A portavoz de Educación, Cristina Fernández Davila, reclama ao Goberno do PP que asuma as competencias que lle corresponden na xestión dos conservatorios e cuxos custos recaen en moitos concellos nos que están situadas as súas instalacións. O BNG rexistrou no Parlamento unha iniciativa na que lle demanda á administración autonómica que costee o servizo educativo na súa totalidade, nas áreas de mantemento, dotacións, materiais educativos e instrumentos, persoal docente e non docente”.

En Galiza, alomenos 23 concellos están asumindo competencias que non lles corresponden polos conservatorios, motivo polo que o BNG reclama que, mentres a Xunta non asuma directamente a xestión e os custes, convoque axudas para os municipios afectados e colabore na substitución ou cobertura de prazas vacantes do persoal docente mediante as listaxes da Consellería de Educación. O Bloque reclama así mesmo que se “proporcionen as ferramentas informáticas que se precisen” para o servizo.

A responsable da área de Educación vén de celebrar esta semana unha serie de encontros cos representantes dalgúns conservatorios, situados todos eles en concellos “cunha tradición musical relevante”, para recoller información sobre a situación destes centros de formación musical en 23 concellos galegos que están a asumir competencias de xestión e custos que lle corresponden á Consellería de Educación.

Este xoves tivo lugar unha reunión en Ribeira co alcalde, Luís Pérez Barral, o seu equipo de goberno, e coa dirección do conservatorio deste concello coruñés, para avaliar a situación na que se encontra o mesmo, así como os problemas “non só dos alumnos e das familias, senón tamén dos responsables da área de ensino, que se ven abocados a xestionar e asumir o custo das instalacións, así como os salarios do persoal docente adscrito ao mesmo”, lamentou a deputada.

A encargada da área de Educación xuntouse tamén no Parlamento con representantes dos pais e das nais de Carballo, Culleredo, Betanzos, As Pontes, Arzúa, Melide, Noia e Ribeira.

Fernández Davila considera necesario que a Administración galega asuma as súas competencias pois a situación actual está a ocasionar “prexuízos e discriminacións” sobre todo no ámbito rural”, onde é habitual que os usuarios e as usuarias dos conservatorios paguen máis polas taxas da matrícula e mensualidades, un gasto que se suma aos cartos que unha boa parte dos e das estudantes teñen que desembolsar polos desprazamentos até os centros.

A deputada nacionalista, que tamén fixo fincapé na falta de persoal destes centros á hora de cubrir as baixas, sinalou algúns dos 23 concellos que están a asumir a xestión e o custo “practicamente completo dos centros educativos de Música, con titulación oficial e regrada, no Grao Profesional e que dependen directamente da Consellería de Educación”. Trátase de concellos tan diversos como Tui, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Carballiño, Redondela, Ponteareas, Viveiro, Carballo, Cangas ou Monforte de lemos, entre outros.

Segundo explicou Fernández, os concellos que están asumindo a xestión dos conservatorios non só o fan para a súa veciñanza, pois a estes centros acoden tamén persoas doutros municipios galegos. No caso de Ribeira por exemplo o Concello inviste case 700.000€ anuais a manter activo este servizo.

Na iniciativa rexistrada no Parlamento, o BNG reclama tamén a creación dunha rede de conservatorios profesionais de música, “agrupando os centros por comarcas, de acordo a criterios de proximidade, así como de poboación total, tendo en conta unha oferta equilibrada territorialmente”.

A deputada nacionalista acusa ao Goberno da Xunta de abandonar as súas competencias e de “estar xerando un espolio de recursos dos concellos, que asomen a xestión e gastos que xeran servizos como os das escolas infantís, as residencias de maiores, os colexios no rural, ou o Servizo de Axuda no Fogar, minguando dese xeito os recursos orzamentarios en millóns de euros e deixando de executar actuacións, servizos e obras que si son competencia propia da administración local”.