Thursday 21 de November de 2024

O BNG pide convocar o Consello Escolar municipal perante o déficit de limpeza nos centros educativos do concello


Solicita o que sería o primeiro Consello Escolar do presente curso

A empresa que se ocupaba do servizo declarou o ERTE para o 100% dos traballadores; mentres, demórase a nova contratación.

O BNG de Culleredo solicita a convocatoria do Consello Escolar de Culleredo para tratar a situación de emerxencia sanitaria que afecta aos centros educativos do concello, despois de que a empresa que se viña encargando do servizo até o de agora, declarara o ERTE para a totalidade das persoas traballadoras, polo que a limpeza é inexistente desde o luns pasado.

O Consello Escolar sería convocado por vez primeira no que levamos de curso —xa case tocando a fin— e nel ten representación toda a comunidade educativa de Culleredo, así como todas as administracións responsables da xestión dos centros educativos. Tratar o grave problema da falta de salubridade nos edificios escolares sería a máxima prioridade agora, entre outras cuestións.

O alcalde de Culleredo declarou o estado de emerxencia sanitaria onte, venres, despois de que a empresa que funcionaba como concesionaria declarase o ERTE para a totalidade do seu plantel este luns, polo que o municipio leva case unha semana sen ningún servizo de limpeza, nin de edificios, nin de viais públicos.

O servizo de limpeza levaba 12 anos funcionando en precario, despois de ter acabado o contrato da empresa concesionaria co Concello de Culleredo, e de terse prorrogado irregularmente. Despois de varios anos de insistencia do BNG e da absoluta falta de implicación do goberno de Rioboo, o proceso de contratación non dá finalizado. O certo é que non temos certeza de cando concluirá, a pesar do que manifeste a alcaldía.