Friday 22 de November de 2024

O Concello colabora co Fogar de Sor Eusebia na loita contra a exclusión social


A alcaldesa e a responsable do Fogar de Sor Eusebia asinaron os convenios de colaboración para 2024 polos que o Concello achegará un total de 55.000 euros para o financiamento de programas da entidade

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou no palacio de María Pita coa presidenta do Fogar de Sor Eusebia, Rosalía Martínez Velasco, dous convenios de colaboración para o funcionamento da entidade, por un importe de 25.000 euros, así como do programa de atención ás persoas maiores ao que o Concello contribúe cunha achega de 30.000 euros.

A alcaldesa valorou a longa colaboración do Concello co Fogar de Sor Eusebia, unha institución que fará 40 anos en 2025. “As persoas maiores da cidade, en especial as que se atopan en situación de especial vulnerabilidade, son unha das prioridades da acción do Goberno en materia de Benestar Social”, dixo Inés Rey.

O centro de acollida e inclusión social Fogar de Sor Eusebia conta na actualidade cunha capacidade de 60 prazas en réxime residencial para homes en situación de risco de exclusión social. En xeral, a ocupación das prazas é total durante todo o ano.

Neste ano 2024, o Goberno de Inés Rey aprobou convenios nominativos por un importe de máis de tres millóns de euros con entidades sociais que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, os maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e os seus familiares.