O goberno local homenaxeou á veciñanza máis veterana do municipio na Festa dos Maiores, un día con misa, un pleno simbólico e comida con baile e sorteos
“Agora que parece que cumprir anos equivale a ser inservible, nós pensamos o contrario. Sodes imprescindibles para a sociedade e para Paderne. O pasado, o presente e o futuro debe estar marcado pola vosa sabedoría”, destacou o alcalde, Sergio Platas
A Festa dos Maiores de Paderne foi todo un éxito. Máis de 200 veciños e veciñas animáronse a gozar dun día en harmonía, con recoñecemento e actividades de todo tipo, que rematou co baile tras unha multitudinaria comida.
O executivo municipal apostou por este evento para “recoñecer o vital espazo que ocupan os e as maiores na nosa sociedade”. E a sociedade padernesa respondeu. A Festa dos Maiores arrincou ás 10:30 horas, coa saída do autobús para recoller ao longo do territorio municipal a todas as persoas que o solicitasen. Ás 12:00 horas celebrouse unha misa na Igrexa Parroquial de Paderne como paso previo ao Pleno de recoñecemento á persoa máis veterana de cada parroquia.
Así, ás 12:45 horas as portas da Casa do Concello abriron as súas portas para encher ata arriba o Salón de Plenos. A veciñanza quixo estar presente nun acto no que se homenaxeaba á persoa máis veterana de cada unha das nove parroquias. Cada unha delas sentou nunha cadeira de concelleiro.
“Souto, Paderne, Vilamourel, Quintas, Adragonte, Velouzás, San Pantaleón, Vigo e Obre están hoxe representadas por todos e todas vós. Grazas por estar aquí e ser o símbolo da experiencia do voso territorio”, expresou o alcalde, Sergio Platas, na apertura do pleno oficioso. “Agora que parece que cumprir anos equivale a ser inservible, nós pensamos o contrario. Sodes imprescindibles para a sociedade e para Paderne. O pasado, o presente e o futuro debe estar marcado pola vosa sabedoría”, engadiu o rexedor.
Tras o acto solemne, no que os nove veciños e veciñas tiveron a oportunidade de falar e levaron un obsequio por parte do Concello, chegou a quenda da comida no Restaurante El Pantano. Unha comida que rematou con baile e sorteo de agasallos para celebrar, como non pode ser doutro xeito, a vida.