A localidade foi unha das primeiras en sumarse a esta iniciativa autonómica de concienciación
No Día Mundial sen Tabaco, o Concello Neda avanza a intención de incorporar á Rede galega de parques sen fume outras tres áreas infantís, ao marxe da de Albarón. O municipio foi un dos primeiros en sumarse a esta iniciativa da Consellería de Sanidade, que conta cun fin educativo e de sensibilización social.
A proposta, aprobada polo goberno local, busca que, ademais do parque situado xunto ao centro de saúde da vila, formen parte desta rede pioneira, que incide na prohibición de fumar nas zonas de xogo da infancia e os seus arredores, os parques de Subarreiros, Santa María e Xuvia.
A medida busca contribuír a “desnormalizar” o consumo de tabaco, co obxectivo de converter estas contornas en espazos preventivos, evitando que os nenos e nenas se convertan en fumadores pasivos.
A sinalización dos parques virá acompañada de difusión de material de sensibilización, e de actividades de concienciación para acadar unha sociedade libre de tabaco, que é a primeira causa de morbilidade e de mortalidade evitable.
Sanidade poñía en marcha a comezos do 2023 esta rede, que replica o modelo das Praias sen fume, figurando Neda e Pontedeume, entre os primeiros municipios en adherirse.