A formación comezará a impartirse xa no vindeiro curso 2024-2025 e contará con 22 prazas
“As conversas coa Xefatura Territorial de Educación deron os seus froitos. Ampliar a nosa oferta educativa en número, calidade e diversidade é fundamental” apunta o alcalde, José Manuel Mato
Con este recoñecemento, o municipio de Ponteceso consolídase como “referencia” na súa contorna no relativo á educación de FP
O Concello de Ponteceso vén de obter a concesión do Ciclo Medio en Carrozaría para o IES Eduardo Pondal de cara ao vindeiro curso académico 2024-2025. Nos vindeiros días, farase oficial que o centro educativo do municipio pontecesán contará cunha nova formación, elevando así a seis a súa oferta de Ciclos Formativos.
“As conversas coa Xefatura Territorial de Educación deron os seus froitos”, recoñeceu o alcalde, José Manuel Mato, que se mostrou “ledo por ampliar a oferta educativa do municipio” e, deste xeito, converterse en “referencia” na súa contorna no relativo á educación de Formación Profesional. Tan só o Concello de Carballo, con 11 módulos, conta con máis na comarca.
Así, tan só Carballo, con 11 formacións, supera a media ducia que agora acada o Concello de Ponteceso. Ao Grao Medio de Carrozaría, que contará con 22 prazas, engádase o de Electromecánica de vehículos automóbiles e o de Atención a Persoas en situación de dependencia.
A maiores, o IES Eduardo Pondal conta cos Graos Básicos de Actividades Domésticas e limpeza de edificios e de Mantemento de Vehículos e co Grao Superior en formación dual de Automoción. En total, a localidade ofertará o vindeiro curso 127 prazas de Formación Profesional.