O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde da localidade, Eduardo Parga Veiga, visitaron os traballos realizados e asinaron as actas de recepción das obras
O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, vén de visitar estes días o Concello de Malpica co obxectivo de coñecer as obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental e, ao tempo, asinar xunto ao alcalde, Eduardo Parga Veiga, as actas de recepción das obras.
Xuntos, coñeceron as novas luminarias do paseo marítimo, que ofrecen un alumeado público máis moderno, eficiente e respectuoso co medio ambiente. Así, con cargo ao plan impulsado desde a Xunta de Galicia, substituíronse as antigas luminarias de vapor de sodio por haloxenuros metálicos, que se caracterizan por emitir unha cor moi próxima ao branco, pola súa elevada eficiencia luminosa, un rendemento cromático óptimo e unha duración media moi elevada. Por todas esas funcións son utilizadas, sobre todo, para a iluminación de campos de deporte, prazas e grandes espazos.
O orzamento da actuación foi de 72.600 euros.