Friday 22 de November de 2024

Grave ofensa da voceira do PSOE de Oleiros ás miles de persoas que participan libremente nas Merendiñas


O Goberno municipal lamenta as insultantes declaracións no pleno municipal da voceira do PSOE de Oleiros cualificando a Romaría das Merendiñas de “pouco democráticas” e “un intento de mercar vontades a través do estómago”. Esas palabras supoñen unha grave ofensa ás miles de persoas que durante os últimos 28 anos participaron libremente nesta marabillosa festa.

Sería bo que a voceira do PSOE de Oleiros se informase do que é a Romaría das Merendiñas, que naceu no 1994 da man de Esther Pita, entón concelleira de Servizos Sociais, e da Asociación de Veciños Santaia de Santa Cruz. O obxectivo era recuperar as festas populares que se facían antigamente pola chegada do bo tempo -que precisamente tiñan lugar na zona das Torres- e ofrecer ás persoas maiores unha xornada de convivencia e divertimento, ben merecida tras unha vida de traballo.

Con ese espírito intacto, o Goberno municipal de Alternativa dos Veciños, xunto coa inestimable colaboración altruísta de máis dun cento de persoas colaboradoras de entidades de todo o municipio, segue a conservar esta festa na que as persoas maiores seguen a reunirse e pasar un momento agradable en compañía de amigos e veciños, cos que en moitos casos non se ven con asiduidade. Unha actividade municipal máis para o envellecemento activo e o lecer das persoas que co seu esforzo lograron construír o país e o municipio do que hoxe gozamos.

Nada ten que ver esta romaría única en Galicia -polo lugar de celebración, as decenas de colaboradores, o ambiente…- coas comidas que se organizan para maiores por toda Galicia, en pavillóns pechados, con caterings,…