A alcaldesa, Inés Rey, interviu na apertura do evento organizado pola Asociación Zona Comercial Obelisco, que se estenderá ata as 00.00 horas con actuacións musicais, animación e descontos especiais nos comercios
Inés Rey: “Dende o Concello temos un compromiso firme co comercio e así o demostramos durante a pandemia, un dos momentos máis complexos para o sector, poñendo en marcha os bonos Presco”
A alcaldesa, Inés Rey, interviu na apertura da décima edición da Noite Branca da Coruña que este ano homenaxea ás familias acolledoras no Día Mundial do Acollemento Familiar. Rey destacou o labor da Asociación Acougo na protección e defensa das crianzas do sistema público de acollida e chamou a todas as administracións a colaborar de maneira conxunta no apoio ás familias.
Nesta nova edición da Noite Branca, organizada pola Asociación Zona Comercial Obelisco, participan un total de 95 establecementos. Dende as 12.00 horas desta mañá e ata as 00.00 horas, no Obelisco estarán instalados foodtrucks, zona de bebidas e oferta de actividades de animación infantil e actuacións musiciais. Ademais, tamén se instalou unha pantalla xigante con información dos establecementos participantes e ofertas dispoñibles. Estes identifícanse cunha alfombra vermella na entrada e un cartel cun vinilo no escaparate. Coa compra no comercio daranse invitacións para as actividades.
A alcaldesa puxo en valor o comercio local como parte da identidade coruñesa e destacou o compromiso do Goberno local co sector: “Dende o Concello temos un compromiso firme co comercio e así o demostramos durante a pandemia, un dos momentos máis complexos para o sector, poñendo en marcha os bonos Presco”. A través dos bonos PRESCO, con dúas edicións´, o Concello da Coruña levou a cabo un investimento de 6,3 millóns de euros que mobilizaron máis de 20 millóns entre ambas convocatorias. Rey lembrou que A Coruña foi o primeiro concello de Galicia en poñer en marcha un plan específico de recuperación económica.