— O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausura a xornada que pon fin ao programa ‘LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe)’
— Participan 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros educativos con 21 compañías
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou hoxe o programa LÓVA (A ópera, un vehículo de aprendizaxe), unha iniciativa desenvolvida en colaboración co Teatro Real na que este curso participaron 469 alumnos, 53 docentes e 19 centros con 21 compañías.
A iniciativa LÓVA, que desde os seus inicios hai 16 anos suma un total de 18.000 alumnos, é un proxecto innovador que utiliza a creación e produción dunha ópera como ferramenta pedagóxica para o desenvolvemento integral do alumnado. Na súa traxectoria ten acadados recoñecementos tan relevantes como o Premio Nacional de Boas Prácticas ou boa práctica educativa pola Cátedra Unesco, entre outros.
Para Román Rodríguez, a iniciativa é unha mostra do “fortalecemento das ensinanzas artísticas, que son sinónimo de profesionalización e reforzo da nosa cultura”. O conselleiro reivindicou a súa utilidade “como parámetro da calidade de vida dun territorio”. Como sinalou, o proxecto do Teatro Real é moito máis que un simulacro de ópera: “É unha experiencia educativa que involucra o coñecemento co ocio, converténdose nunha demostración clara do poder inclusivo e plural da educación como instrumento universal de integración para o benestar individual e colectivo”, engadiu.
O vindeiro curso 2024/25, o número de participantes de LÓVA poderá seguir incrementándose, pois ábrese unha nova convocatoria para un máximo de 13 centros.
A xornada na Cidade da Cultura
O encontro que se desenvolve hoxe na Cidade da Cultura ten como finalidade visibilizar o traballo desenvolvido polas compañías dos centros educativos que participan en LÓVA. Así mesmo, con esta cita búscase o recoñecemento ao alumnado que participa nel e, por outro lado, darlle a coñecer o proxecto ao profesorado que estea interesado.
Así, os docentes poden formarse sobre LÓVA, focalizándose nas ensinanzas artísticas a través de mesas redondas sobre as súas competencias clave, o seu proceso de transformación educativa e fases para a implementación no centro, así como os elementos do currículo que participan no desenvolvemento da iniciativa. Ademais, realízanse obradoiros sobre dinámicas e retos de LÓVA, sobre composición musical a cargo do pianista Jorge Bedoya, sobre maquillaxe artística e sobre dramatización.
No caso dos estudantes, tiveron a oportunidade de participar en talleres de composición musical, perruquería, iluminación, vestiario e audiovisual, entre outros. Así mesmo, visitaron a exposición sobre o proxecto e asistiron a unha representación de óperas.
Os centros participantes son os seguintes:
Provincia | Concello | Centro |
A Coruña | As Pontes de García Rodríguez | CEIP A Magdalena |
A Coruña | Cariño | CEIP Manuel Fraga |
A Coruña | Cabanas | CEIP Plurilingüe Eladia Mariño |
A Coruña | A Coruña | CEIP Isaac Díaz Pardo |
A Coruña | A Coruña | CPR Grande Obra de Atocha |
A Coruña | Ferrol | CEIP de Pazos |
A Coruña | Ferrol | CPR Santa Juana de Lestonnac |
A Coruña | A Laracha | CEIP Ramón Otero Pedrayo |
A Coruña | Ponteceso | IES Eduardo Pondal |
A Coruña | Pontedeume | CPR San José |
A Coruña | San Sadurniño | CPI de San Sadurniño |
Pontevedra | Cangas | CPR Eduardo Pondal |
Pontevedra | Cangas | CEIP San Roque de Darbo |
Pontevedra | A Cañiza | CPI da Cañiza |
Pontevedra | A Estrada | CEIP Pérez Viondi |
Pontevedra | Ponteareas | IES do Barral |
Pontevedra | Pontevedra | CEIP Plurilingüe Praza de Barcelos |
Pontevedra | Tomiño | CEIP Plurilingüe de Tebra |
Pontevedra | Vigo | CPR Andersen Augalonga |