O Concello dotará a unha escola de Yoff-Dakar dunha biblioteca, en colaboración coa ONG Ecodesarrollo Gaia, adquirindo fondos bibliográficos e formando a 15 persoas nas tarefas de biblioteca
O Concello da Coruña emprende un proxecto de cooperación con Senegal a través das Bibliotecas Municipais co obxectivo de dotar dunha biblioteca á Escola Coruña, localizada en Yoff-Dakar. O proxecto, posto en marcha en colaboración coa ONG Ecodesarrollo Gaia, avanza na dinamización das Bibliotecas Municipais impulsada polo Goberno de Inés Rey, achegando novidosas liñas de traballo.
O Concello da Coruña porá a disposición da ONG dúas persoas traballadoras da Biblioteca Municipal da Sagrada Familia que se trasladarán a Dakar do 1 ao 16 de xuño con responsables da mesma. Unha vez alí, impartirán un curso formativo a 15 persoas durante 5 días en tarefas de bibliotecas, formando a persoal para o novo espazo cultural localizado na Escola Coruña en Dakar. Logo da formación, dúas persoas serán seleccionadas como bibliotecarias desta nova instalación.
Ademais, o equipo das Bibliotecas Municipais visitará bibliotecas de Dakar co obxectivo de establecer lazos de colaboración. Tamén adquirirán nas librerías e editoriais senegalesas libros para a colección da biblioteca da Escola Coruña e tarefas técnicas como organización, preparación e posta a punto dos fondos bibliográficos do espazo.
O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, sinalou destacou A Coruña como cidade acolledora e con perspectiva global, así como referencia en cultura. “A rede de Bibliotecas Municipais é un dos servizos máis queridos pola cidadanía e é un orgullo poder exportar ese modelo alá das nosas fronteiras” sinalou. Posteriormente, a colaboración terá continuidade desde A Coruña, dándolles soporte e asesoría ás persoas que desde alí se fagan cargo da biblioteca.