Arredor dun milleiro de nenos e adolescentes vulnerables crecen no seo de familias acolledoras, o que lles permite medrar nun fogar normalizado
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu esta mañá ao acto organizado por ACOUGO, a Asociación galega de familias de acollida, e a Zona Comercial Obelisco con motivo do Día Mundial do Acollemento Familiar na Coruña.
O director xeral trasladou o seu agradecemento ás familias acolledoras de Galicia, pola súa xenerosidade e dedicación, e ás entidades que traballan no ámbito do acollemento familiar, polo seu tempo e esforzo. Unha fórmula pola que o Goberno galego aposta dende hai anos para procurarlles aos nenos e adolescentes que non poden vivir cos seus proxenitores un fogar que sintan como propio e o calor dunha familia que os arroupe.
Arredor dun milleiro de menores vulnerables están a crecer no seo dunha familia acolledora en Galicia. A taxa de acollemento familiar en Galicia supera en seis puntos a media nacional, de modo que Galicia é a sexta comunidade autónoma cos mellores datos de España neste ámbito.
O Goberno galego seguirá apostando, da man das entidades sociais, por impulsar o acollemento familiar, co obxectivo de que cada vez máis rapaces teñan a oportunidade de medrar nun fogar que lles ofreza protección, benestar e felicidade.