25 alumnas e alumnos de 3º da ESO do CPI San Sadurniño participaron esta mañá nas Penas do Rei Mouro, en Igrexafeita, nunha actividade a medio camiño entre o deporte e o coñecemento do medio. E é que coa colaboración das empresas de turismo activo Orixen Action e Guías Ceibe, a rapazada puido iniciarse na escalada e gozar do aire libre nunha mañá que se prestaba moito a andar por fóra. Ademais tamén aprenderon co xeólogo Fran Canosa como se formaron tanto estas rochas como outras do Xeoparque do Cabo Ortegal.
A saída de hoxe estivo dirixida por Inés Naya e Uxío Leira, dos departamentos de Bioloxía e Educación Física do CPI, e encadrouse nas propostas de fin de curso encamiñadas a fomentar “o lecer activo, o coñecemento da contorna e dos seus recursos, a posta en valor dos espazos cercanos e a reflexión sobre o coidado do medio no camiño dos obxectivos recollidos nos ODS”, tal e como explicou Leira.
As Penas do Rei Mouro son un enclave do cordal do Carazo que reúne as mellores características para iniciarse no deporte da escalada, pero tamén como lugar de adestramento para niveis medios e avanzados. De feito, é raro o día, incluso por semana, en que non hai alguén exercitándose nas distintas vías deseñadas polo Club Montaña Ferrol.
Por outra banda, toda esta zona do Xeoparque do Cabo Ortegal, caracterizada pola presenza de seixo e materiais sedimentarios, presenta características moi distintas ás do complexo situado máis ao norte. Esas características, das que falou Canosa, permiten establecer unha comparativa coa que se entende mellor a exclusividade xeomorfolóxica do territorio integrado na rede Global Geoparks da UNESCO.
O Concello de San Sadurniño colaborou coa saída do CPI no marco “do apoio que se lle presta sempre á comunidade escolar”, comentou o alcalde, Secundino García, quen engadiu que a actividade “tamén nos permite seguir traballando, sobre todo cos colexios, no coñecemento e a implantación social do xeoparque”. Neste sentido, o consistorio asumiu os custes de monitoraxe das actividades desenvolvidas, mentres que as familias do alumnado correron cos gastos do transporte.