• Concretamente, trátase das taxas por prestación de servizo de sumidoiros, pola ocupación de terreos de uso con mesas e cadeiras con finalidade lucrativas e polo uso da pista de pádel municipal
• Aprobouse tamén o pago de facturas de decembro das empresas provedoras de subministración eléctrica e outras correspondentes ao Servizo de Axuda no Fogar
O pleno de Laxe aprobou na sesión ordinaria celebrada onte, 30 de maio, unha modificación de crédito por valor de 554.957,70 euros, por créditos extraordinarios (246.910,23) e suplementos de crédito (308.047,47), ao vixente orzamento para o exercicio de 2024 (prorrogado de 2022) que se financia con cargo ao remanente para gastos xerais.
Na proposta da alcaldía destácanse catro partidas básicas que redundan na mellora dos servizos municipais.
Contémplase, por un lado, ter o financiamento necesario para facer fronte á aportación municipal de diversas subvencións xa solicitadas. Creouse tamén unha partida para a mellora das infraestruturas de saneamento e pluviais no casco urbano de Laxe e outra para a reordenación do tráfico e do estacionamento. Por último, complétase a mellora de diversos servizos públicos.
Luz verde ao pago de facturas
O pleno deu luz verde, cos votos a favor do PP e en contra de BNG, PSOE e Podemos, ao pago de diversas facturas por importe de 92.131,71 euros pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar. Por outra banda, saíu adiante o pago de 24.124,59 euros de facturas de decembro das empresas provedoras de subministración eléctrica mediante Recoñecemento Extraxudicial de Crédito, unha ferramenta empregada habitualmente en Concellos para a aprobación de facturas de exercicios anteriores.
Trátanse de servizos imprescindibles para o día a día da actividade municipal, sendo fundamental contar cos mesmos, polo que é de carácter prioritario proceder ao pago das facturas pendentes.
En relación a esta aprobación, o alcalde, Francisco Charlín, quixo subliñar que “a aprobación destes pagos correspóndese cun correcto funcionamento dos servizos esenciais do noso Concello, que temos o obxectivo de que sigan sendo eficaces e eficientes para que os nosos veciños e veciñas sigan gozando de todas as atencións prioritarias”.
Actualización das taxas municipais
Durante a sesión aprobouse a reordenación de varias ordenanzas reguladoras de taxas.
En primeiro lugar, aprobouse a actualización da taxa pola prestación do servizo de sumidoiros, que se mantiña en vigor desde xaneiro de 1999. Durante estes 25 anos, os custos relativos a este servizo sufriron un incremento considerable, creándose un déficit de case 40.000 euros anuais que deben asumir as arcas municipais. Co obxectivo de minimizar o impacto, propúxose un aumento da taxa, que pasaría a custar a cada casa un total de 2,50 euros ao mes, e que permitirá financiar practicamente a totalidade do servizo, pasando o Concello a asumir tan só preto de 2.000 euros.
“A subida non fai fronte a todos os gastos que supón este servizo e que, evidentemente, é básico para a veciñanza. Son 2,5 euros ao mes, 30 ao ano”, defendeu o rexedor, que completou asegurando que “se queremos ter máis e mellores servizos eficientes, temos que contribuír entre todos a que isto sexa posible. Desde 1999 os custes de mercado multiplicáronse”.
A maiores, aprobouse tamén a ordenanza da taxa pola ocupación de terreos de uso con mesas e cadeiras con finalidade lucrativa, xa que fora derrogada en 2020 por mor da crise sanitaria provocada pola Covid-19.
Unha vez superada esta situación, de carácter excepcional, o pleno aprobou esta nova ordenanza co obxectivo de regular o aproveitamento especial do dominio público e establecer unha taxa polo mesmo. Por este motivo, as contías foron establecidas atendendo á temporalidade das ocupacións dos terreos segundo o momento do ano no que se produza, a duración e os metros cadrados da superficie ocupada.
O primeiro edil sinalou que “a decisión foi tomada tras facer un estudo moi detallado sobre o valor do solo. Unha vez realizada a análise por persoas expertas, tomouse unha decisión que ten o único obxectivo de seguir potenciando o desenvolvemento económico no municipio” e, aseverou, “unha terraza en solo municipal segue costando a metade do que costa en territorio de Portos”.
Por último, durante a sesión PP, BNG e PSOE votaron a favor da ordenanza para regular o uso da pista municipal de pádel, na que se establecen as normas xerais do uso destas instalacións, os horarios, o desenvolvemento de actividades, etc.
Asemade, recóllense as contías a ingresar polo seu uso, establecidas co obxectivo de sufragar os diferentes custos de funcionamento. O prezo será de 10 euros para unha hora e media sen luz e de 12 euros se a inclúe, un horario que será incluído no regulamento.
Charlín destacou que se trata “dunha reordenación de taxas para adaptarnos aos tempos e aos custes de mercado para, así, poder facer fronte á mellora dos servizos municipais completamente necesarios para a vila”.
Seguindo nesta liña e co obxectivo de actualizar a Administración Electrónica municipal, aprobouse a modificación da Ordenanza que a regula, que databa de 2014. Os cambios que se están a producir a nivel tecnolóxico e o avance en xeral neste eido, fai preciso o establecemento dunha nova regulación que concrete todas as normas para garantir maior seguridade xurídica e mellore todos os servizos ofrecidos á cidadanía.