As actividades concíbense como un adianto do Festival Neda en danza
O Concello vén de iniciar un ciclo de obradoiros destinado a achegar a danza como disciplina artística tanto ao público infantil como aos maiores do municipio. A bailarina ferrolá Cristina Montero imparte estes talleres- anticipo do I Festival Neda en danza, previsto para o 8 de xuño- nos que hoxe participou o alumnado do CEIP Maciñeira.
Estudantes de 4º, 5º e 6º de primaria deste centro educativo foron os primeiros en participar destas sesións que buscan aproximar á rapazada o que que é a danza contemporánea. Durante os talleres, os escolares aprenden a sentir corpo, expresar emocións, interactuar con outras persoas e co espazo. Unhas actividades que, ao longo da próxima semana, chegarán tamén ao CEIP San Isidro (aulas de 4º, 5º e 6º) e ao IES Fernando Esquío.
En paralelo, a iniciativa estenderase tamén aos usuarios e usuarias das actividades municipais de memoria, que se desenvolven tanto na Casa da Cultura como na Casilla do Puntal. Nesas sesións proporase aos maiores participantes que fagan un traballo de lembranza dos bailes aos que acudían nos seus anos mozos, contando ademais as sesións cunha parte de movemento.
Segundo apuntan dende o Concello, os talleres terán unha misión extra, que é a de animar á rapazada e tamén aos veciños de máis idade a asistir aos espectáculos que se poderán desfrutar na primeira edición do certame. O cartel do festival darase a coñecer o a vindeira semana.