Friday 22 de November de 2024

Neda volve licitar o cambio da cuberta e das fiestras da Casa da Cultura tras a renuncia da firma adxudicataria


O Concello de Neda saca por terceira vez a contratación o cambio da cuberta da Casa da Cultura e a substitución das fiestras do salón de actos. Despois de que a primeira licitación quedara deserta e da recente renuncia ao contrato da empresa á que se lle adxudicou a finais do pasado ano, a administración local ten que comezar de novo o proceso.

Así, as empresas interesadas en executar a actuación poden consultar o expediente na plataforma de contratación do sector público e presentar as súas ofertas ata o próximo 12 de xuño.
O obxectivo das obras, que contan cun orzamento de 75.762 euros, é poñer fin ás filtracións de auga e problemas de humidade que se veñen rexistrado no inmoble durante os últimos invernos, como consecuencia do mal estado da instalación de pluviais que hai na cuberta. Problemas que se estenden tamén ao sistema de apertura das ventás do salón de actos, deterioradas polo paso do tempo nun inmoble construído no 1960.

O proxecto aposta por cambiar a cuberta orixinal, feita con fibrocemento propio de principios da década dos sesenta, por unha de panel sándwich de aceiro galvanizado, cunha adecuada instalación de pluviais. A intervención requirirá o uso de equipos especiais para a eliminación de amianto.

Finalmente, substituiranse as actuais ventás por outras novas de PVC, bicolor e dotadas de persiana. Unha medida que suporá a mellora térmica e acústica das dependencias, ademais dun aforro no consumo de enerxía para quecer o inmoble no inverno e arrefrialo no verán. As obras financiaranse con cargo aos fondos do POS + 2023 da Deputación da Coruña.