A alcaldesa e o presidente da entidade asinaron o convenio polo que o Concello achegará 45.000 euros para programas de rehabilitación de persoas alcohólicas
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinou no palacio de María Pita co presidente da Unidade de Tratamento do Alcol e condutas adictivas (UTACA), Ignacio Bedoya Batres, o convenio nominativo por importe de 45.000 euros para o financiamento, por parte do Concello, das actividades da entidade orientadas á rehabilitación de persoas alcohólicas.
A alcaldesa destacou o labor que realiza UTACA, que non se limita á loita contra o alcoholismo senón que se estende a outras adiccións como o tabaquismo, a ludopatía, os psicofármacos e outras condutas que xeran dependencia. “O inicio nestas drogas legais é cada vez máis temperán entre a nosa mocidade e, en moitas ocasións, nin sequera son conscientes de determinadas adiccións, como o tempo que pasan utilizando as redes sociais ou consumindo determinados contidos de Internet”, sinalou Inés Rey.
A rexedora destacou as consecuencias que este tipo de condutas adictivas teñen sobre a saúde mental das persoas. “Con ferramentas como o Plan de saúde mental, recentemente aprobado, e o apoio ao traballo das entidades, podemos, desde as nosas competencias, traballar na prevención para afrontar estes problemas”, agregou.
Neste ano 2024, o Concello mantén convenios nominativos por máis de tres millóns de euros con entidades que traballan pola inclusión, a loita contra as adiccións, as persoas maiores, a infancia, a discapacidade e a defensa dos dereitos e o benestar de persoas enfermas e as súas familias.